Aprobación dun orzamento municipal de 35,5 millóns de euros para ´22 en Narón

O bipartito naronés, TEGA e PSOE,  aprobou este xoves, día 30 de decembre, no último pleno do ano o orzamento municipal correspondente ó vindeiro ano, que ascende a 35,5 millóns de euros, o máis elevado da historia da cidade.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, subliñou a importancia de aprobar os orzamentos antes de que finalice o ano e incidiu na vertente social dos mesmos, ó tempo que agradeceu o traballo do persoal funcionario e os compañeiros do grupo de goberno para poder pechar as contas do vindeiro ano e levalas ó pleno de hoxe. “Este documento traduce en cifras os proxectos e ilusións cos que os levaremos a cabo no ano 2022”, recalcou, destacando que “son uns orzamentos feitos para as persoas”.

O edil de Facenda, Román Romero, destacou o feito de que se trata dun orzamento marcado pola pandemia e no que “un ano máis se prioriza a atención ás persoas, sendo principalmente sociais”. Así mesmo, incidiu no feito de que un ano máis o Concello non ten contraída débeda bancaria e tamén que se manteñen conxelados os impostos e se incrementarán na medida do posible os baremos de bonificación de taxas para axudar ás familias máis vulnerables da cidade “sen incrementar a presión fiscal á veciñanza”.

O portavoz do PSOE, David Pita, sinalou que “é un orzamento récord, marcado pola conxelación de impostos e que indica que Narón está prosperando con este goberno”. Ó igual que Romero, destacou os incrementos nas inversións das áreas de Igualdade, Cultura, Educación.

A rehabilitación do muíño de Xuvia e a construción dun tramo da senda peonil e ciclista que enlazará os paseos de Xuvia e Freixeiro, concretamente o comprendido entre o muíño de As Aceas e o Camiño do Peregrino están entre os principais investimentos do vindeiro ano, estando valorados os dous nuns 900.000 euros.

A eles súmanse, entre outros, a dotación dunha partida de 433.000 euros para habilitar unha zona verde con equipamento no entorno da rúa Camiño do Peregrino; 374.000 para recuperación de chan urbano para usos públicos amables co medio ambiente; e 600.000 para o estacionamento do novo centro de saúde.

Na sesión aprobouse por unanimidade a adhesión do Concello ao convenio entre a Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Federación Española de Municipios e Provincias en materia de intercambio de información tributaria e colaboración na xestión recadatoria coas entidades locais.

Así mesmo, saíu adiante, coa abstención do PP, o recoñecemento de obrigas procedentes de exercicios anteriores con cargo ao orzamento deste ano derivadas dos gastos efectivos do servizo de depuración do periodo de xaneiro a decembro do pasado ano ó Concello de Ferrol. A maiores, en relación ó citado servizo, a corporación local aprobou de xeito unánime o acordo entre os concellos de Narón e Ferrol para repartir os custos asociados ó proxecto de construción e posta en marcha das instalacións de medida e rexistro de caudais de augas residuais urbanas xestionadas polos interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol.

O Consistorio avanza así nos trámites acordados na xuntanza mantida a mediados do pasado mes de novembro con Acuaes e ambos Concellos para o reparto deses custos.

No apartado de mocións aprobouse co respaldo de todos os grupos a presentada polo BNG sobre a retirada das cabinas telefónicas e mobiliario urbán en desuso, co compromiso de realizar un inventario dos elementos e solicitar ás empresas propietarias esa retirada.

Os grupos municipais de TEGA e PSOE presentaron unha moción solicitando á Xunta unha mellor cobertura das ambulancias de Urxencias sanitarias do 061 en Narón, reclamando pasar a actual Unidade de Soporte Vital Básico de 12 a 24 horas e incrementar a base de Narón cunha Unidade de Soporte Vital Avanzado. A moción aprobouse coa abstención dos edís populares. O concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, aludiu ás recomendacións nesa área da OMS e á importancia de incrementar esa cobertura debido á poboación que se atende dende esta área sanitaria “para mellorar o servizo e os tempos de atención ós pacientes”.

Finalmente, entre as mocións presentadas aprobouse a presentada polo PSOE con motivo da reforma da Lei de Seguridade Cidadá ou “Lei mordaza”, que defendeu o portavoz socialista, David Pita, aludindo ás melloras implantadas dende o goberno central en medios técnicos e persoais nos últimos anos. “Cremos que é unha lei necesaria e que non se poden minguar os dereitos fundamentais” apuntou.

Outra moción , aprobada, foi a presentada polo Partido Popular para iniciar a transformación en vía verde das antigas infraestructuras  do ferrocarril que quedaron en desuso desde a modificación  do trazo fa vía  estreita  á altura de Feixeiro coa chegada da AP-9 a Ferrol, así como a recuperación do proxecto da instalación de dobre vía desde Xuvia a Ferrol.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …