A alcaldesa de Narón mantivo unha importante reunión trala orde de desafiuzamento de 15 familias de Piñeiros

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, mantivo na mañá deste mércores  unha reunión vía telemática con tres directivos do departamento xurídico e de relacións institucionais da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestructuración Bancaria (Sareb) co fin de abordar o problema derivado da orde de desafiuzamento –paralizada provisionalmente polo Xulgado de Instrucción número 1 de Ferrol- de quince familias que viven nunha promoción de vivendas da Praza do Asilo, na parroquia de Piñeiros.

A rexedora local asegurou que “tal e como nos comprometemos hai unhas semanas coas veciñas e veciños que residen neses inmobles, concertamos a reunión celebrada este mércores e na que dende a Sareb se nos amosou a vontade de aclarar a situación e chegar a un acordo satisfactorio para as partes implicadas”.

Na reunión os representantes da Sareb trasladaron á alcaldesa a situación actual e a importancia de dialogar entre as partes e entregar a documentación que acredite a legalidade dos seus contratos de alugueiro. A alcaldesa comprometeuse a trasladar aos afectados a información da reunión co fin de que dende a Sareb poidan estudar caso por caso, comprobando a validez dos contratos e facilitando os inquilinos a
documentación pertinente no xulgado.

Ferreiro asegurou que “dende o Concello colaboraremos en todo canto sexa preciso dentro das nosas competencias para solventar esta situación que atravesan quince familias da cidade que descoñecían neste caso que os inmobles nos que residen pertencen actualmente ao Sareb”. A alcaldesa agradeceu a disposición da Sareb para dialogar coas persoas afectadas e reiterou o respaldo do Concello ao colectivo dos afectados quedando á súa disposición para colaborar na procura dunha solución ao problema.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …