A programación cultural continua no Pazo da Cultura con tres novos espectáculos. Este venres, día 10 de decembro ás 20.30 horas, poderase ver o espectáculo de música folk tradicional “As catedrais silenciadas”, o terceiro álbum do músico Xabier Díaz xunto coas Adufeiras de Salitre, quizais a obra que mellor reflicte a esencia do seu encontro.
O título é un berro de alerta ante o progresivo despoboamento do rural e a perda indentitaria que isto implica. Este espectáculo chega a Narón logo dunha extensa xira por máis de 13 países e 200 concertos.
Na xornada deste sábado día 11, ás 20.00 horas, o Centro Dramático Galego representará “O charco de Ulises”, unha versión libre da Odisea traspasada a un contexto atlántico co texto de Santiago Cortegoso e baixo a dirección e adaptación de Marián Bañobre e o propio Cortegoso.
O charco de Ulises trata da viaxe como concepto vital da existencia do ser humano no tempo, trata dos movementos migratorios, do multiculturalismo, da necesidade, ou non, de traspasar calquera fronteira. Fai unha relectura do clásico universal de Homero contextualizándoo nun fenómeno sociolóxico que marcou a historia do pobo galego.
Este domingo día 12, ás 19.00 horas, a través de Mistura Son, o Pazo acollerá o espectáculo “Cuba e Galicia xuntas”. Mistura é un proxecto que parte da base de dúas raíces musicais moi amplas: a galega e a cubana. As mesturas de ritmo, instrumentos e influencias, fixeron que entre o país latinoamericano e os emigrados galegos se formase un vínculo moito máis próximo.
Trátase dun proxecto composto por 7 mulleres, músicas galegas e cubanas, unidas profesionalmente pola música que achegarán ao público con novas e frescas propostas, dando forma e vida a unha nova e orixinal mestura musical.