María do Mar López, concelleira do BNG no Concello de Ferrol, volveu a demandar ao goberno local que restabeleza o servizo de transporte para os e as usuarias do Centro de Día de Menores que a Deputación da Coruña ten na cidade e lamentou que o goberno local «siga buscando escusas para non prestar este servizo«.
A concelleira abordou esta cuestión na comisión informativa de Benestar celebrada esta mañá onde tamén se interesou pola situación do convenio existente entre o Concello de Ferrol e a Deputación da Coruña co obxectivo de que se cubran as prazas. «Non debemos recortar servizos a familias en situación de vulnerabilidade como son as usuarias deste centro de día de menores ao que acoden familias coas que o departamento de Benestar Social realiza programas de intervención familiar«, afirmou.
O BNG non comprende os motivos polos que se chegou á situación actual sobre todo «se temos en conta que a responsábel política do centro de menores, Ana Lamas, forma parte do goberno municipal«. A solución «é cuestión de vontade política e polo que se ve o goberno de Angel Mato trata de ocultar a responsabilidade política das dúas concelleiras implicadas na xestión deste servizo.«
O BNG lembra que o Concello de Ferrol desde hai moitos anos ven prestando o servizo de transporte de autobús con acompañante para as menores que acoden ao Centro de Día de Menores que ten conveniado coa Deputación da Coruña. Na actualidade o nível de ocupación do centro de menores é do 50% «algo incomprensíbel nas actuais circustancias sociais polas que atravesa a comarca e a nosa cidade.«
O programa de Centro de Día de menores ten como función a atención a menores pertencentes a familias coas que o departamento de Benestar Social Municipal realiza algún tipo de intervención familiar, tendo entre os seus obxectivos a normalización das funcións parentais e a autonomía das familias na cobertura das súas propias necesidades.
Como complemento a este programa e para aquelas familias das crianzas que tiñan dificultades para desprazarse desde os seus centros educativos até as instalacións do centro de Día de Menores da Deputación na nosa o Concello dispuña deste servizo de transporte.