A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Benestar Social, Catalina García, presentaron este martes, día 30 de novembro, no Concello de Narón co presidente da Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón, José Manuel González, a campaña “Regala sorrisos”.
A iniciativa porase un ano máis en marcha para entregar agasallos polo Nadal a menores de familias vulnerables da cidade.
Unha das accións a levar a cabo será a colocación de huchas nas xogueterías locais O Muíño do Fabal, Din&Don, Todo Ocio (Lego) e Hiper Froiz, para realizar doazóns económicas co fin da campaña. O diñeiro recaudado, a maiores dunha contía que aportará o Centro de Recursos Solidarios de Narón, destinarase a comprar xoguetes novos para os menores que se acollan a esta campaña nos citados establecementos.
Así mesmo, recolleranse xoguetes de segunda man, que deben estar en bo estado, nos centros de ensino de educación Primaria da cidade, na Biblioteca municipal, donde ademais seleccionarán e empaquetarán libros para doar, no Centro Comercial Hiper Froiz de Narón, na zapatería Patito de Goma da Gándara, na xoguetería O Muíño do Fabal, no South Park Odeón e no ximnasio Altafit, xunto Odeón. Nos centros escolares poderanse entregar ata o 19 de decembro, polo peche dos centros con motivo das vacacións de Nadal, e no resto de espazos ata o 27 de decembro.
José Manuel González, que agradeceu a colaboración do Concello e das persoas implicadas na campaña, incidiu na necesidade de que as persoas que poidan colaborar na campaña “Regala sorrisos” axuden a seleccionar e empaquetar os agasallos, unha tarefa que se levará a cabo nas instalacións do Centro de Recursos Solidarios de Narón (avenida do Mar, 115, A Gándara).
Ese traballo levarase a cabo dende o 13 de decembro ata os días previos á entrega dos xoguetes ás familias, que serán o 3 e o 4 de xaneiro. As persoas que axuden nesa labor poderán facelo de luns a venres entre as 10.00 e as 13.00 horas e tamén se fará algunha tarde, en función das necesidades. Será preciso que se inscriban previamente chamando ós teléfonos 881 308 349 ou 634 555 663, ou a través do correo electrónico: crsnaron@gmail.com, indicando nome e apelidos, o día no que poderán ir e un teléfono de contacto.
Os xoguetes son para nenos de 0 a 14 anos de familias vulnerables, podendo as súas familias cubrir as instancias de solicitude a partir deste mércores, día 1 ata ó luns día 27, do mes de decembro no Concello. Dende o Servizo Sociocomunitario Municipal derivarase ás familias para que poidan recollelos no día e hora indicados. Cada menor recibirá un xoguete novo, dous de segunda man (en función da dispoñibilidade e da demanda poderán ser máis), un libro e un peluche.
A campaña compleméntase coa de entrega de vales, por importe de 60 euros, impulsada dende o Concello para menores de 0 a 16 anos, para a que tamén está aberto o prazo de solicitude no Concello, tal e como recordaron Ferreiro e García.
A alcaldesa e a edil de Benestar Social destacaron a importancia “de que as nenas e nenos de familias vulnerables non queden sen agasallos de Nadal”, polo que animaron ás persoas que poidan facelo a colaborar nesta campaña. As representantes do goberno local agradeceron tamén a colaboración das persoas que se implicarán na iniciativa “porque sen a súa axuda todo isto non sería posible”