O Café Teatro do Pazo da Cultura acollerá este mércores, día 1 de decembro de 17.00 a 20.00 horas a “Xornada para o Desenvolvemento do Produto Turístico Santo André de Teixido”
A alcaldesa de Narón e vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, Marián Ferreiro, será a encargada de presentar o acto, ao que acudirán outros alcaldes da comarca. A Mancomunidade organiza o evento en colaboración coa Xunta de Galicia. A entrada é libre ata completar a capacidade do Café Teatro do Pazo.
Na xornada informarase ós asistentes sobre diferentes accións de valorización que se executaron nos camiños de peregrinación a Santo André durante os últimos tempos. Co fin de exponer esas accións, acudirán especialistas que traballan no desenvolvemento dos itinerarios históricos de peregrinación e tamén están convidados axentes do territorio implicados na xestión e empresas ligadas aos camiños e o seu trazado.
O primeiro relatorio da convocatoria, de 17.15 a 17.45 horas, correrá a cargo de Leo González, da empresa Trivium ECT, responsable do deseño do pasaporte a Santo André, para continuar o programa, de 17.45 a 18.15 coa intervención de Pablo Conde, de Volta Montana, que abordará o estado actual dos camiños e as necesidades dos usuarios. De 18.15 a 18.45 será o turno de Jacobo Suárez, de Goodlife Consultores, que falará da auditoría e sinalización realizadas na ruta coñecida como Camiño Vello e finalmente, de 18.45 a 19.15 horas, será a ponencia de Alfonso Blanco, director xeral de Portocabo, produtora de series coma “Hierro” ou “Rapa”, rodada na contorna de Santo André de Teixido, en Cedeira, e noutros concellos da comarca, e longametraxes como “Cuñados”, que explicará cuestións relacionadas coas rodaxes audiovisuais como ferramenta para poñer en valor os territorios.
O programa da xornada pechará cunha mesa redonda, de 19.15 a 19.45 horas, onde intervirán os diferentes relatores e estará aberta á participación do público asistente. Entre os obxectivos desta convocatoria está o de reflectir as posibilidades da posta en valor cultural e turística duns itinerarios que desde hai séculos conducían ós romeiros ata un dos centros de peregrinación máis importantes de Galicia, Santo André de Teixido, en Cedeira.
Non será precisa inscrición previa para poder asistir, pero as prazas son limitadas ata completar a capacidade do local. As persoas que desexen máis información poden solicitala a través da dirección de correo electrónico: xornadateixido@gmail.com.