A concelleira de Benestar Social, Catalina García, anunciou a apertura do prazo, este venres, día 25 de novembro para solicitar as axudas convocadas polo Concello de Narón para a adquisición de agasallos de Nadal e destinadas ás familias máis vulnerables da cidade.
Esta convocatoria publicouse no Boletín Oficial da Provincia de hoxe, tal e como recordou García, e as persoas ás que se dirixe dispoñen de prazo ata o 13 de decembro (incluído) para presentar a solicitude e a documentación requerida no Rexistro do Concello, a través da Sede Electrónica ou por calquera dos medios contemplados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de Procedemento administrativo común das administracións públicas. O Concello destina unha partida global máxima de 15.000 euros a estas axudas.
Poderán solicitar estas axudas as familias empadroadas en Narón, con fillos menores que a 31 de decembro deste ano teñan entre 0 e 16 anos. García explicou que “o Concello entregará un vale por importe de 60 euros por menor que poderán gastar en establecementos comerciais de Narón que acepten o vale polo importe máximo que figure no mesmo”.
O obxectivo desta convocatoria é que “os nenos das familias máis vulnerables poidan ter tamén os seus xoguetes este Nadal, fomentando así a igualdade deses menores de familias que nestes momentos viven unha situación económica precaria”.
As bases reguladoras do procedemento poden consultarse ó completo no Boletín Oficial da Provincia do pasado 22 de novembro, a través do enlace: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2021/11/22/2021_0000007909.pdf