Narón-Valoración das melloras das condicións do Servizo de Axuda no Fogar

O Concello de Narón acolleu o mércores, día 24 de novembro, unha reunión para abordar as melloras que comezaron a aplicarse no Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Benestar Social, Catalina García, participaron no encontro mantido con persoal do comité de empresa do SAF e tamén un asesor sindical, Alejandro Bello, valorando moi positivamente todas as partes as medidas postas en marcha no servizo.

A alcaldesa ofreceu ao colectivo o respaldo do Concello “en todo o que poidamos axudar para ofrecer un servizo con boas condicións para o persoal e tamén de calidade para as usuarias e usuarios”. “A coordinación e o entendemento coas traballadoras sociais do Concello experimentou tamén importantes melloras, o que evidentemente repercutirá en beneficio das persoas que precisan este servizo”, apuntou a alcaldesa.

Entre as melloras, tal e como se indicou na convocatoria, están o pago dun plus de asistencia, por riba do marcado no convenio autonómico, a concesión de un día máis de vacacións ó ano para todo o plantel da empresa e o compromiso de que quince días sexan nos meses de verán, a zonificación do traballo, e contratacións a xornada completa, dunha persoa que a tiña pasouse a vinte e dúas.

No transcurso da reunión tamén se abordaron as melloras a aplicar nos turnos de traballo, no feito de cubrir baixas laborais e necesidades puntuais do servizo e, na medida do posible, facilitar que as persoas que traballan durante as fins de semana e os festivos poidan pasar a traballar tamén por semana.

No que respecta ao persoal que traballa no Servizo de Axuda no Fogar, realizouse tamén un chamamento para que as persoas formadas ou/e con experiencia nesa área contacten coa empresa para cubrir as necesidades de persoal que se rexistran habitualmente as fins de semana e os festivos, porque a incorporación, segundo indicaron, será inmediata.

No Concello de Narón estase atendendo actualmente a través do Servizo de Axuda no Fogar a unhas 230 persoas. A edil de Benestar Social avanzou que a aplicación das medidas adoptadas suporá algúns cambios para as usuarias e usuarios, pero que serán sempre na procura de melloras. “Seguimos traballando para aplicar esas e outras melloras e axilizar poder dar cobertura ás que están en lista de espera”, recalcaron dende o goberno local.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …