A praza da Gándara acolleu este xoves, día 25 de novembro, ás 11.30 horas, o acto institucional organizado polo Concello con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria, á que asistiron outros edís da corporación local, entre eles a concelleira de Igualdade, Mar Gómez. Acudiron tamén representantes do movemento asociativo e entidades da cidade e docentes e alumnado de quinto de Primaria do colexio Santiago Apóstol, que levaron as súas pancartas do 25 de novembro.
A xornada comezou coa inauguración da praza da Igualdade, ubicada fronte á da Gándara e da que a rexedora local descubriu a placa que lle dá nome, incidindo na importancia de “acadar esa tan necesaria igualdade real entre homes e mulleres”.
Tralo acto Ferreiro desprazouse co resto dos asistentes á zona na que se está ultimando o mural gañador do certame “Concurso de imaxes pola igualdade para escolares: violencia machista e as redes sociais”. O traballo realizado por Marcos Díaz, Raúl Díaz, Manuela López, Estela Gulias, Yaiza Amenedo e Elías Fontao, alumnos de terceiro A do IES Terra de Trasancos, pode verse nas inmediacións da praza da Igualdade.
A continuación, na praza da Gándara, donde chegou o alumnado do CPR Santiago Apóstol, a alcaldesa leu o manifesto da Federación Galega de Municipios e Provincias #PoloBoTrato, no que se incide no agravamento do problema da violencia de xénero coa covid-19 e tamén se recoñecen avances na loita contra esta lacra e se alude ó traballo que queda por facer.
Dende a Fegamp lembrouse ás vítimas “que os concellos están aí para axudalas a saír desa situación” e no documento tamén se reitera o firme compromiso das entidades locais de combater “tan inxusta, irracional e gran eiva”. Trala lectura, Ferreiro deu paso a dous alumnos do colexio Santiago Apóstol que leron tamén un poema reivindicativo da igualdade e contra a violencia de xénero.
En canto ós centros de ensino da cidade, o alumnado participou tamén nunha marcha ciclista virtual, tras suspenderse a prevista de xeito presencial polas previsións meteorolóxicas. O alumnado pedaleou nas aulas, realizando un percorrido virtual que ían vendo nun vídeo que partía dos centros e remataba no Monumento á Muller, na praza da Gándara.
Finalmente os asistentes ó acto puideron ver na praza da Gándara a exposición itinerante do 25N. En relación ó programa, na Biblioteca municipal pódese ver tamén ata este sábado 27 deste mes a exposición bibliográfica “Na loita contra as violencias”.
A maiores, a partir das 18.30 horas, iluminarase de cor malva a fachada do Pazo e a rotonda de Freixeiro, coa finalidade de visibilizar esta data.
A Biblioteca acollerá mañá un novo acto, ás 19.30 horas, que consistirá nunha sesión de contos para público adulto,a partir de 16 anos. “Seica” é o título desta proposta para a que é preciso inscribirse previamente na propia Biblioteca ou chamando ó teléfono 981 382 173.
As actividades conmemorativas do 25N chegaron tamén á ludoteca municipal, donde se realizan esta semana un mural, obradoiros e xogos pola igualdade.
Marián Ferreiro agradeceu a implicación e participación no acto das entidades sociais e dos centros de ensino, destacando o “importante papel que xogan tamén nese camiño que temos que seguir percorrendo entre todas e todos para erradicar esta lacra social”.