Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no Concello de Ferrol, esixiu esta mañá ao goberno local que restableza o servizo de transporte que o Concello puña a disposición dos e das usuarias do Centro de Día de Menores que a Deputación da Coruña ten na cidade.
Acusou ao goberno local de «recortar servizos a familias en situación de vulnerabilidade como son as usuarias deste centro de día de menores ao que acoden familias coas que o departamento de Benestar Social realiza programas de intervención familiar«.
Iván Rivas considera esta decisión un «erro do goberno municipal» e acusa à responsábel política de quen depende este centro, Ana Lamas, «de ocultar este feito do que ela é co-responsábel por formar parte tamén do goberno de Ángel Mato que retirou o servizo.»
O BNG lembra que o Concello de Ferrol desde hai moitos anos ven prestando o servizo de transporte de autobús con acompañante para as menores que acoden ao Centro de Día de Menores que ten conveniado coa Deputación da Coruña.
O programa de Centro de Día de menores ten como función a atención a menores pertencentes a familias coas que o departamento de Benestar Social Municipal realiza algún tipo de intervención familiar, tendo entre os seus obxectivos a normalización das funcións parentais e a autonomía das familias na cobertura das súas propias necesidades.
Como complemento a este programa e para aquelas familias das crianzas que tiñan dificultades para desprazarse desde os seus centros educativos até as instalacións do centro de Día de Menores da Deputación na cidade o Concello dispuña deste servizo de transporte.
Ademáis o custe deste servizo «é perfectamente asumíbel polo Concello de Ferrol» xa que se trata dun importe que non supera os 15.000 euros ao ano.
É por isto que o BNG presentará unha moción ao pleno municipal coa proposta para que o goberno local restableleza o servizo de transporte para os usuarios e usuarias do Centro de Día da Deputación da Coruña na nosa cidade.