O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, desprazouse este mércores, día 17 de novembro, ó Museo do Coiro de Allariz para participar no acto de entrega dos premios da cuarta edición do certame “Vilas en flor”, organizado pola Fundación Juana de Vega e no que participaron trinta municipios galegos. O edil naronés recibiu o diploma acreditativo desta distinción da man da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.
O xurado concedeu tres flores de honra, unha máis que o ano pasado, dun máximo de cinco, que non se chegaron a conceder en ningunha edición, ó Concello de Narón, tras visitar a cidade integrantes do mesmo hai uns meses para coñecer os espazos verdes da cidade.
No fallo emitido destácase que a cidade “conta cunha importante superficie de zonas verdes e axardinadas, ben mantidas e con presenza en todos os barrios”. Así mesmo, destácase o feito de que para os paseos de Xuvia e Freixeiro “redactouse un interesante proxecto que os enlazará, dotando á cidade dun extenso cinturón verde que se convertirá en espazo de ocio e esparcemento”.
A maiores, no documento consta que o estado de mantemento das zonas axardinadas urbanas e do mobiliario urbán é “óptimo” e sublíñase que “a aposta pola reciclaxe e a sostibilidade manifestase na xestión da auga, da enerxía e dos residuos”.
O certame ten entre os seus obxectivos impulsar a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos a través das súas iniciativas para poñer en valor, conservar, integrar e manter a súa paisaxe urbana e rural. Na organización desta convocatoria tamén colaboran a Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación galega de Empresas de Xardinería (Agaexar). Expertos en Ciencias Biolóxicas, Enxeñeiros agrícolas, enxeñeiros agrónomos, arquitectos e representantes de diferentes entidades, entre outros, integraron o xurado.
Santalla asegurou tras recibir o premio que “dende o Concello continuaremos traballando por manter no mellor estado posible as zonas verdes para que poidan desfrutar delas todas os veciños de Narón e tamén doutros municipios”.
Así mesmo, destacou que “nos vindeiros meses comezarase a traballar nesa senda peonil que enlazará os paseos de Xuvia e Freixeiro, un proxecto moi completo e ambicioso, con senda peonil, carril bici, áreas de descanso… que permitirá manter a nosa cidade como un referente en espazos de ocio”.