Acto de entrega do 3º premio do «XII Concurso de Fotografía Cidade de Narón»

A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, entregou este luns, día 8 de novembro, o terceiro premio do “XII Concurso de Fotografía Cidade de Narón”, que foi para a valdoviñesa Noelia Uceira Vilar pola súa imaxe “Estación atemporal”. O pai da gañadora foi a persoa encargada de recoller o premio, ó non poder vir ela, que recibiu 150 euros.

O pasado 4 de outubro un xurado integrado por tres profesionais da fotografía reuniuse para ver as 70 imaxes presentadas a esta edición do certame por parte de vinte e cinco persoas, maioritariamente de Narón pero tamén dos concellos de Ferrol, Fene, San Sadurniño, Valdoviño e Neda.

O impacto visual, a calidade técnico-artística e a creatividade das imaxes foron os aspectos que puntuou o xurado. De todas as presentadas, as doce que recibiron a maior puntuación pasarán a formar parte do calendario de sobremesa que editará o Concello de Narón para o vindeiro ano, tal e como indicou a edil de Turismo.

Hermida, que xa felicitara á galardoada, trasladoulle de novo os parabéns ao seu pai e animou a Noelia Uceira a presentarse ás vindeiras edicións deste certame, sendo este ano o primeiro no que se decidiu a formar parte do mesmo con fotografías propias.

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …