A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Facenda, Román Romero, mantiveron varias xuntanzas ó longo desta semana para avanzar na elaboración do documento contable do vindeiro ano.
A rexedora local avanzou que “un ano máis serán uns orzamentos que terán moi presente a atención ás persoas, sendo esta a prioridade das contas municipais, e que tamén incluirán importantes partidas para seguir avanzando en materia de accesibilidade, eficiencia enerxética, melloras en infraestruturas e a dotación de servizos, entre outros”.
A alcaldesa asegurou que “nas últimas semanas mantivemos varias xuntanzas e estamos ultimando xa o documento contable, perfilando todas as partidas das diferentes áreas de goberno co fin de poder someter os orzamentos a aprobación plenaria antes de finais de ano para que poidan entrar en vigor o vindeiro 1 de xaneiro”.
Ferreiro destacou o traballo que se está realizando dende todas as concellerías para “tratar de axustar ao máximo as partidas co fin de ofrecer ós nosos veciños uns orzamentos centrados nas persoas, consensuando dende o equipo de goberno as prioridades nesa atención e tamén nos investimentos que se desenvolverán de cara ó ano 2022”.
A rexedora local avanzou que “os impostos municipais continuarán conxelados o vindeiro ano, tal e como vimos facendo nos últimos exercicios” e destacou o feito de que “ó non ter o Concello de Narón débenda bancaria contamos cunhas contas moi saneadas, o que é tamén moi importante para manter a estabilidade financieira”.
O orzamento municipal atópase, polo tanto, na fase final de elaboración, estando todos os integrantes do equipo de goberno volcados en pechar á maior brevidade as contas das súas respectivas áreas para “nas vindeiras semanas, a medida que se perfilen e pechen os últimos detalles, poder presentar as partidas concretas do orzamento do vindeiro ano” tal e como apuntou Ferreiro.