Este sábado, día 6 de novembro, ás 19.30 horas, no Auditorio Municipal de Cariño, terá lugar a representación da obra «Gloria Nacional» do Teatro do Noroeste, financiada a través do programa FalaRedes da Xunta de Galicia.
Entrada de balde, precisa inscrición no Local Social da Casa do Concello (avda. da Paz, 2) ata este sábado día 6 pola mañá.
O autor e director da obra é Eduardo Alonso. O reparto está intregrado por Luma Gómez, Miguel Pernas e Manuela Varela. Cunha duración de 100 minutos. Sinopse: unha fermosa reflexión sobre o lugar que ocupa a creación artística e a cultura na sociedade actual.
Uxío Rodas, escultor e pintor, é considerado polos seus contemporáneos unha auténtica “gloria nacional”. As súas esculturas están nos mellores museos internacionais. Agora está no seu estudio, apartado da civilización, tentando concentrarse no seu traballo máis importante. Efectivamente, o goberno do seu país, ao través do seu presidente, antigo camarada de Uxío, acaba de encargarlle unha escultura monumental que se colocará na praza principal da capital. Unha escultura que represente e simbolice á nación. A Uxío cóstelle encarar o seu traballo, está en crise creativa, e estando nesas recibe a visita, primeiro da súa representante e marchante nos mercados internacionais e despois a da propia ministra de cultura do seu país. O actual debate, arte, cultura, mercados e política está servido.