A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, anunciou o lanzamento dunha enquisa a través da web naronparticipa.es para estudar o movemento asociativo da cidade e fomentar a participación en diferentes procedementos municipais.
“A través dun formulario aberto á cidadanía, organizado con preguntas sobre a participación en Narón, poderán participar todas as persoas que o desexen dun xeito moi sinxelo e por vez primeira a través deste sistema” explicou García.
Os resultados pasarán a formar parte do estudo do movemento asociativo, un informe da Escola de Participación de Narón para o que se están desenvolvendo outras ferramentas de análise, como entrevistas á veciñanza coñecedora da historia do movemento veciñal.
A enquisa estará aberta na plataforma ata o 30 de novembro, concretamente no apartado de “Consultas” da mesma. Este espazo web “é unha plataforma innovadora e versátil aberta ás achegas da veciñanza, dende a que visibilizar o tecido asociativo do concello e dinamizar a participación cidadá”, tal e como indicou a edil naronesa.
A enquisa está dirixida ás entidades asociativas do concello e á cidadanía en xeral, que poderán achegar as súas propostas a procesos participativos en curso; estar ó tanto das convocatorias dos consellos territoriais, así como revisar nas súas actas o tratado; e atopar toda a información sobre as entidades asociativas do concello, entre outros usos. Todos estes usos están accesibles baixo rexistro.
Rexistrarse na plataforma só require entrar en naronpartipa.es e facilitar os datos básicos.
García animou ademais ás entidades a solicitar un espazo propio dentro desta web. Nel poderán visibilizar o seu traballo, compartindo novas e creando eventos, manter actualizados os datos de contacto e redes sociais, abrir procesos internos para a elaboración de propostas ou compartir documentos de interese para as asociacións.
As entidades interesadas nesta opción deberán poñerse en contacto coa Escola de Participación en escolaparticipacion@naron.es ou chamando ó 603 865 413