A alcaldesa, Marián Ferreiro, e as edís de Igualdade, Mar Gómez, e Participación Cidadá, Catalina García, presentaron as accións que se levarán a cabo nos vindeiros días de cara á elaboración da terceira edición do Plan de Igualdade de Narón. “Queremos que as veciñas e veciños participen na elaboración deste documento tan importante para o día a día dun Concello, para entre todas e todos marcar os vindeiros pasos do Narón do futuro”, aseguraron.
As persoas que desexen colaborar poderán participar dende a vindeira semana ata o 15 de novembro a través da plataforma Narón Participa, www.naronparticipa.es, onde unha vez rexistrados teñen a oportunidade de achegar as súas ideas.
Así mesmo, o vindeiro 4 de novembro terá lugar un Foro cidadán no local social do Alto do Castiñeiro, entre as 17.00 e as 20.00 horas, no que se avanzará nos vindeiros pasos no camiño cara á igualdade real. As persoas interesadas en participar poden anotarse a través da dirección: https://i.gal/porigual. Para recibir máis información sobre estas actividades pódese chamar ó número de teléfono 604 033 515.
A introducción da perspectiva de xénero, a colaboración dos axentes sociais e a participación cidadá son tres eixos fundamentais sobre os que se traballa dende o Concello nesta área. Trátase, en definitiva, de elaborar plans que recollan as actuacións necesarias para favorecer a participación igualitaria de homes e mulleres nas estruturas de desenvolvemento municipal. Con esta finalidade e dende a transversalidade continuarase traballando dende a administración local, tal e como avanzaron as representantes do goberno local, co fin de elaborar o terceiro Plan de Igualdade de Narón.