A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, reuníronse este venres, día 22 de outubro, co Comisario xefe do Corpo Nacional de Policía Ferrol-Narón, Carlos Soria, para abordar varios asuntos de interese para a cidade.
Na xuntanza estiveron tamén presentes o xefe da Policía Local de Narón, Eduardo Pita; o inspector-xefe, xefe da Brigada local da Policía Xudicial, Salvador Campoy, e a inspectora, xefa da Brigada local de Seguridade Cidadá, Guadalupe Lorenzo.
Ferreiro explicou trala xuntanza que se analizaron diferentes temas como os recentes roubos de cableado de cobre na cidade, accións sobre as que se reforzará o control para evitar na medida do posible que se repitan. “Nos últimos meses levamos sufrindo este tipo de actos que xeran importantes danos na cidade, non só a nivel económico senón tamén no que respecta ao subministro naquelas zonas nas que se levan a cabo os roubos” recalcou Ferreiro.
Outro dos asuntos abordados foi a problemática do tráfico de drogas, unha situación para cuxa erradicación se traballa conxuntamente tamén dende os dous corpos de seguridade. O problema de ocio nocturno na zona da estrada de Castela foi outro dos temas que se puxeron sobre a mesa, incidindo na importancia de que se respecten todas as medidas en vigor e se cumpra a normativa.
“Quero agradecer a excelente disposición do Comisario e do seu equipo, facéndoa extensiva ao persoal da Comisaría de Ferrol-Narón, polo seu traballo, indispensable xunto co da Policía Local de Narón para poder garantir a seguridade dos nosos veciños”, subliñou Ferreiro.
A alcaldesa valorou satisfactoriamente a xuntanza e asegurou que “continuaremos traballando conxuntamente para ofrecer as máximas garantías posibles de seguridade na cidade”