Presentación das «I Xornadas micolóxicas Concello de Narón»

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o presidente e o secretario da Asociación Micolóxica Viriato, Manuel Costas e José Bouso, respectivamente, presentaron este venres, día 22 de outubro, no Concello de Narón a primeira edición das “Xornadas micolóxicas Concello de Narón”.

A rexedora local avanzou que se desenvolverán os días 4,5 e 6 de novembro e anunciou que a partir do vindeiro luns, día 25, se poderán inscribir de balde as persoas interesadas en asistir ás diferentes propostas programadas, ofertándose un total de trinta prazas.

As inscricións deben realizarse na Biblioteca municipal de Narón, presencialmente ou chamando por teléfono 981 382 173 no horario de apertura (de luns a venres entre as 9.30 e as 13.30 e de 16.00 a 21.00 horas ou os sábados de 10.00 a 13.00 horas)

Os días 4 e 5 de novembro os participantes acudirán no Café Teatro do Pazo da Cultura de 19.30 a 21.00 horas a unha xornada de iniciación á micoloxía. Na mesma, tal e como indicou Costas, “poderase ver unha proxección sobre as características dos cogomelos, o seu hábitat, a importancia para os ecosistemas e ensinarase a diferenciar entre cogomelos comestibles e tóxicos, entre fungos e cogomelos…»

A Asociación Micolóxica Viriato aportará os cogomelos para que os asistentes poidan tocalos e observalos no transcurso dunha Mesa de clasificación. O último día, o sábado 6, realizarase en horario de mañá ás 10.00 horas unha saída ó monte do Forgoselo, pola zona do Concello de As Pontes. Trátase, tal e como indicaron dende Viriato, dunha clase práctica de recoñecemento de cogomelos que xa conta coas pertinentes autorizacións e para a que se prevé habilitar dende o Concello un servizo de transporte de ida e volta.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, animou ós veciños da cidade a inscribirse nesta convocatoria e felicitou á Asociación Micolóxica Viriato pola implicación na organización destas xornadas. “Estamos moi agradecidos dende o Concello polo apoio recibido para organizar esta primeira edición das xornadas, que confiamos en que sexan un éxito e poder organizar novas convocatorias co fin de que a xente coñeza máis polo miúdo o mundo da micoloxía da man de profesionais nesta área” recalcou Ferreiro.

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …