Narón-Noelia Uceira Vilar gañadora do 3º premio do “XII Concurso de Fotografía Cidade de Narón”

A valdoviñesa Noelia Uceira Vilar, obtivo o terceiro premio do «XII Concurso de Fotografía Cidade de Narón» pola súa imaxe «Estación atemporal» pola que recibirá 150 euros.

Así o anunciou a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, que explicou que o xurado, do que formaron parte tres fotógrafos profesionais, Carlos Carballeira, Marisa Rivas e Daniel López, se reuniu o pasado 4 de outubro para valorar 70 imaxes presentadas (baixo seudónimo) por vinte e cinco persoas, maioritariamente de Narón pero tamén dos concellos de Ferrol, Fene, San SadurniñoValdoviño e Neda.

Hermida indicou que este ano quedaron desertos tanto o primeiro como o segundo premio por decisión unánime do xurado, ao considerar que ningunha das imaxes presentadas a esta edición reunía os estándares necesarios para ser merecedora dos mesmos.

O xurado valorou o impacto visual, a calidade técnico-artística e a creatividade das imaxes, e as doce que recibiron a maior puntuación pasarán a formar parte do calendario de sobremesa que editará o Concello de Narón para o vindeiro ano, tal e como indicou a edil de Turismo.

O terceiro premio do «XII Concurso de Fotografía Cidade de Narón» entregarase no transcurso dun acto público que se convocará no Concello, nunha data aínda por concretar. A gañadora recibirá un cheque simbólico de gran tamaño coa imaxe promocional deste certame.

O prazo de presentación de imaxes a este concurso mantívose aberto dende o 1 ó 15 de setembro. «Quero agradecer en primeiro lugar a participación de todas as persoas que este ano entregaron imaxes a este concurso, a través do que queremos dar a coñecer un pouco mellor a cidade e, como non, felicitar á gañadora do terceiro premio desta edición» A acta do xurado e as imaxes que ilustrarán o calendario pódense consultar na web do Concello: www.naron.es, tal e como anunciou Natalia Hermida.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …