O recinto feiral do Trece acollerá o vindeiro domingo, día 17, a vixésima edición da «Feira do Mel e sector primario afín de Narón».
O concelleiro de Feiras e Mercados, Santiago Galego, avanzou que este ano participarán preto dunha vintena de expositores de mel e doce vencellados a temática agrícola afín. «A Feira do Mel é unha das máis consolidadas na cidade, algo que constata o feito de que este ano poidamos celebrar a vixésima edición, reunindo a produtores da zona que traerán mel de calidade e tamén ofrecendo a oportunidade de participar en actividades, asistir a charlas e desfrutar da música que se inclúen no programa» apuntou.
As portas do recinto feiral do Trece abriranse ás 11.00 horas e a esa mesma hora, e ata as 12.30 e tamén pola tarde de 16.00 a 18.00 horas haberá varios obradoiros infantís, nos que se poderá participar de balde, relacionados coa apicultura. Así mesmo, ás 12.30 horas terá lugar un showcooking a cargo de Antonio Díaz, que realizará tres mini elaboracións con mel sobre cociña de outono.
Pola tarde reabrirá o recinto feiral ás 16.00 horas e ás 16.30 actuará o artista Marcos Mella. Ás 18.00 programouse un relatorio técnico e unha minicata de mel. Dous técnicos da Asociación Galega de Apicultura (AGA) encargaranse de impartir a charla «Da flor á mesa» sobre o mel, a precedencia, características e cualidades.
Así mesmo, outros profesionais vencellados ó mundo da apicultura tamén intervirán nesta edición da Feira do mel. É o caso de Joaquín Lozano, veterinario especializado en enfermidades e doenzas apícolas, e Noela Torre, restauradora e técnica apícola. O programa deseñado para esta edición da feira rematará ás 20.00 horas.
O edil de Feiras e Mercados animou ós veciños de Narón e doutros concellos a visitar este evento, con entrada de balde, para desfrutar do programa e coñecer máis polo miúdo o mundo da apicultura da man de profesionais no sector