O Concello de Narón destinou unha partida de 1.194.678 euros á mellora de varios camiños de parroquias da zona rural de Narón.
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, indicou que actualmente están en proceso de licitación actuacións de reparación de pavimentos asfálticos e reforzo de rodadura orzamentadas en 964.678 euros, se ben está pendente da citada fase este mesmo ano un novo paquete de actuacións que se licitarán en algo máis de 230.000 euros e que tamén se destinarán á zona rural da cidade.
O Concello destina 900.678 euros a reforzar a rodadura en camiños localizados en todas as parroquias da zona rural e que se licitan actualmente en tres lotes diferenciados por razón de axilidade na contratación dos traballos. En total trátase de corenta e seis camiños ou tramos do rural que nos últimos anos se foron deteriorando debido ó uso.
En canto ós viais, repararanse en Doso, Pedroso, Sedes, Castro, O Val, San Xiao, San Mateo, O Couto e Piñeiros. «En total repararase neste lote o pavimento de viais con máis de doce ou quince anos de antigüidade e que urxen unha serie de melloras que se acometerán nos vindeiros meses» apuntou Ferreiro.
A rexedora local avanzou que o reforzo de rodadura no camiño de Cimadevila-Canteiros, na parroquia do Val, será outra das actuacións a levar a cabo nos vindeiros meses e á que se destina unha partida de preto de 64.000 euros. Os traballos están actualmente en fase de licitación e trátase dunha obra incluída no Plan Marco de Mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022, que executará Agader.
Este camiño pavimentouse hai algo máis dunha década e require dunha mellora debido ó incremento da intensidade do tráfico rodado no mesmo nos últimos anos. O aglomerado do firme completarase coa limpeza de cunetas e acondicionamento de beiravías.
«Trátase dun importante investimento que permitirá mellorar considerablemente viais da zona rural, chegando a todas as parroquias e continuando un labor que é moi necesaria e que dende o Concello se complementará nos vindeiros orzamentos con novas partidas destinadas a esta mesma finalidade» avanzou a alcaldesa.