Teatro por partida doble esta semana en Neda. Así, o salón de actos da Casa da Cultura acollerá este venres, día 8 de outubroás 20,30 h «A lingua das bolboretas» de Sarabela Teatro e, o domingo día 10 ás 18,30 h, Redrum Teatro representará «Contos do recreo»
No primeiro caso, as entradas, para un público adulto, poderán adquirirse a 2 euros e, no segundo, o prezo é de 1 euro para o público infantil e de 2 para o adulto. As persoas interesadas en asistir ás citas culturais poden reservar as súas entradas chamando ó 981 39 02 33 (en horario de 9 a 13 e de 16 a 20 horas).
O espectáculo «A lingua das bolboretas» baséase en escritos de Manuel Rivas, e amosa a través da entrañable relación dun mestre e dun neno a historia da fascinación infantil ante o descoñecido, así como o sufrimento que provoca a represión das liberdades humanas. O proceso de aprendizaxe que emprende o rapaz da man do mestre da escola é testemuña tamén da traxedia que supón vivir con medo e do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil.
A obra está dirixida por Gonçalo Guerreiro, e conta no seu elenco con grandes artistas como Fran Lareu, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Gago, Josito Puerto e Elena Seijo. Nos Premios de Teatro María Casares foi recoñecida con 4 galardóns, incluídos o de mellor espectáculo, dirección, adaptación e actor secundario (Fran Lareu).
Dirixido a un público máis infantil, «Contos do recreo» é un espectáculo optimista e emocionante que traballa o concepto de reforzo positivo para previr o acoso escolar. A música en directo é a protagonista desta coidada produción que combina monicreques, impresionantes efectos de iluminación e unha colosal escenografía con vídeo-mapping para desfrute de nenos e maiores. A obra estivo nomeada na categoría de Mellor espectáculo infantil nos Premios de Teatro María Casares.