O Concello de Narón convoca a través das concellerías de Promoción Económica e Medio Ambiente, dirixidas polos edís David Pita e Santiago Galego, dous cursos abertos á participación do veciños de Narón.
Trátase de dúas accións formativas de balde e que se convocan a través do proxecto «Mergullando no litoral de Narón» realizado co apoio do Fondo Europeo Marítimo de Pesca (FEMP) e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte.
As dúas accións formativas desenvolveranse nas instalacións do recinto feiral do Trece, en Sedes. O primeiro dos cursos, sobre «Trazabilidade e etiquetado ó consumidor final» terá lugar o vindeiro venres, 1 de outubro, de 16.00 a 19.30 horas. Unha persoa licenciada en Veterinaria, experta na área de Calidade e Seguridade alimentaria será a encargada de impartir o curso.
A lexislación sanitaria, a necesidade e utilidade da trazabilidade e os seus tipos, e o etiquetado de produtos envasados e sen envasar forman parte dos contidos desta convocatoria. «É fundamental que as persoas que manipulen alimentos, especialmente produtos pesqueiros, coñezan a lexislación sanitaria e a trazabilidade e estes son dous temas sobre os que se realizará especial fincapé nesta acción formativa» asegurou Pita.
A segunda das accións formatias é sobre «Lixos mariños» e impartirase o sábado 2 de outubro, de 11.00 a 15.30 horas. A persoa formadora será neste caso experta en sostibilidade pesqueira, que informará aos asistentes sobre que é o lixo mariño e a súa clasificación, a lexislacion sobre plásticos e o problema da súa xestión, a descarga de residuos en terra, os puntos limpos en dársenas… O edil de Medio Ambiente destacou a importancia de «aprender a evitar a xeración de lixo mariño e colaborar na súa recollida, clasificándoo e concienciando á cidadanía a importancia de loitar contra a contaminación do mar»
As persoas interesadas en asistir algún destes cursos deben enviar un correo electrónico cos seus datos persoais á dirección de correo electrónico: m.ambiente@naron.es