«Camiñando por Narón facemos cidade» é o lema da campaña «Animarrúa» promovida polo Concello de Narón e a Asociación de Comerciantes de Narón e que se levará a cabo esta fin de semana na cidade.
O vindeiro sábado, día 25, as prazas do colexio de Xuvia, a pista Verde de Santa Icía, e as prazas da Gándara e de Galicia acollerán actuacións musicais, propostas de animación e xogos populares, en horario de mañá ou tarde, segundo a ubicación, para animar as compras no comercio local.
Así mesmo, as persoas que realicen este venres e sábado, días 24 e 25 de septembro, compras nos establecementos da ACN adheridos a esta campaña, recibirán unhas papeletas que deberán depositar o sábado nunhas urnas que se ubicarán en cada unha das catro prazas indicadas para participar no sorteo de catro cestas con produtos de alimentación valoradas en 150 euros cada unha.
Coincidindo co remate da programación matinal e da tarde, o sábado ás 14.30 e ás 20.00 horas, haberá catro sorteos, un en cada praza, para entregar as cestas, debendo estar presente no momento do sorteo a persoa agraciada.
Os establecementos comerciais ofrecerán ademais descontos, promocións e realizarán tamén sorteos o venres e o sábado para fomentar as compras nos seus establecementos. En canto á programación a desenvolver o sábado nas prazas, na Pista Verde de Santa Icía haberá unha actuación da academia UPA ás 11.30 horas e na Praza do colexio de Xuvia a esa mesma hora será a actuación de Rock School e ás 12.30 haberá outra a cargo de All Dance. Entre as 12.30 e as 14.30 horas haberá propostas de animación en ambas ubicacións.
Pola tarde, a programación de «Animarrúa» continuará nas prazas da Gándara e de Galicia. Na da Gándara haberá unha actuación a cargo de UPA ás 17.00 horas, ás 18.00 outra de Rock School e ás 19.00 actuará A Banda do Garaxe.
Na Praza de Galicia haberá ás 17.00 horas unha actuación de All Dance, ás 18.00 xogos populares e a partir das 19.00 horas propostas para público familiar. Co fin de animar a xornada do sábado, a Xove Banda de Narón realizará un percorrido pola mañá pola zona de Santa Icía e pola tarde os bonecos de Ilusionarte percorrerán e visitarán os comercios.