Un ano máis o Concello presentouse ó certame «Vilas en flor Galicia 2021» unha iniciativa organizada pola Fundación Juana de Vega coa Asociación de viveristas de Galicia (Asvinor) e da Asociación Gallega de Empresas de Xardinería (Agaxear).
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o edil de Servizos, Ibán Santalla, recibiron esta tarde no Concello a dous representantes do xurado deste certame, Silvia Scaffaro, profesora de Fisiología vexetal da USC e empresaria do sector de planta ornamental e Camino Nicolás, directora do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo.
Na xuntanza mantida no Concello a alcaldesa e o edil de Servizos aboradaron diferentes actuacións levadas a cabo en espazos verdes da cidade durante o último ano. Así mesmo, Ferreiro avanzoulles algúns dos proxectos que se desenvolverán nos vindeiros meses, como o enlace dos paseos de Xuvia e Freixeiro por unha senda litoral, con carril bici, e a humanización da avenida da Solaina.
En ambos casos, tal e como destacou Ferreiro «os espazos verdes localizados nesas zonas cobrarán unha importancia vital, poñendo en valor dous dos núcleos verdes de maior extensión da cidade, o de Freixeiro e Xuvia, e unha das áreas máis poboadas da zona urbana, a de A Solaina»
«Estes dous proxectos suman un investimento de algo máis de 1,5 millóns de euros, e neles cobrarán especial protagonismo os peóns e as zonas verdes e axardinadas ás que ano tras ano dende o Concello destinamos unha importante partida para mantelas no mellor estado posible de conservación» asegurou a alcaldesa.
Durante a súa estancia no Concello as dúas representantes do xurado puideron ver un vídeo turístico da cidade para posteriormente dirixirse a espazos verdes e puntos de interese da cidade xunto coa alcaldesa, o edil de Servizos e responsables da empresa adxudicataria das tarefas de mantemento de parques e xardíns. Os paseos de Xuvia e Freixeiro e o muíño de Pedroso foron algúns dos espazos que visitaron durante a visita á cidade das integrantes do xurado.
O pasado ano o Concello de Narón obtivo dúas Flores de Honra no certame «Vilas en flor» galardón co que se recoñece o traballo realizado nas áreas a valorar polo xurado desta iniciativa. O Concello de Narón conta cunha superficie de algo máis de 630.000 metros cadrados de espazos naturais, parques e xardíns.