Narón-Concello e Asociación de Comerciantes organizan a iniciativa «Animarúa»

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Promoción Económica, David Pita, presentaron no Concello xunto con Susana Oreona e Alba Dopico, secretaria e tesoureira respectivamente da Asociación de Comerciantes de Narón (ACN) a iniciativa «Animarúa».

Trátase dunha proposta organizada polo Concello de Narón e a ACN que o día 25 de setembro animará, baixo o lema «Camiñando por Narón facemos cidade» catro prazas da cidade en colaboración con centros de baile e música, de animación infantil e xogos populares, tal e como avanzaron. Así mesmo, haberá sorteos con agasallos ós que poderán optar as persoas que realicen as súas compras os días 24 e 25 nos comercios da ACN que se impliquen nesta iniciativa.

A praza do colexio de Xuvia e a pista verde de Santa Icía acollerán o día 25 diferentes propostas entre as 11.30 e as 14.30 horas. Na pista verde haberá unha actuación da academia UPA ás 11.30 horas e na praza do colexio de Xuvia a esa mesma hora será a actuación de Rock School e ás 12.30 haberá outra a cargo de All Dance. Entre as 12.30 e as 14.30 horas haberá tamén propostas de animación en ambas ubicacións.

Pola tarde, a programación de «Animarúa» continuará nas prazas da Gándara e de Galicia. Na primeria delas haberá unha actuación a cargo de UPA a partir das 17.00 horas, ás 18.00 outra de Rock School e ás 19.00 será a de A Banda do Garaxe. Na Praza de Galicia comezará ás 17.00 horas a programación cunha actuación a cargo de All Dance, ás 18.00 haberá xogos populares e ás 19.00 máis propostas para público familiar.

Coincidindo co remate da programación matinal e da tarde, ás 14.30 e ás 20.00 horas, haberá catro sorteos, un en cada ubicación, nos que se repartirán un total de catro cestas de alimentación valoradas en 150 euros cada unha. Poderase optar ó sorteo depositando ese mesmo día 25 nas urnas que haberá en cada praza os boletos que se entregarán nos comercios da ACN os días 24 e 25 coas compras realizadas.

É obrigatorio que a persoa que resulte agraciada estea presente no momento do sorteo para poder levar o premio, tal e como indicaron dende a Asociación de Comerciantes de Narón.

En canto aos comercios participantes, durante os días 24 e 25 ofrecerán á clientela promocións, descontos e realizarán tamén sorteos para fomentar as compras nos establecementos da ACN, preto dun centenar na cidade.

A maiores de todas estas propostas, tal e como avanzaron dende a organización, a Xove Banda de Narón realizará un percorrido pola mañá pola zona de Santa Icía e pola tarde os bonecos de Ilusionarte percorrerán e visitarán os comercios.

Dende a Asociación de Comerciantes de Narón incidiron en que o colectivo «traballamos por e para os nosos asociados e asociadas, e cada día somos máis» ó tempo que agradeceron a colaboración do Concello e as empresas que fixeron posible a convocatoria deste evento.

Pola súa banda, a alcaldesa e o edil de Promoción Económica destacaron a calidade e variedade do comercio de Narón, incidindo ó mesmo tempo «no gran labor e na implicación que amosa a Asociación de Comerciantes de Narón para desenvolver ó longo do ano numerosas iniciativas impulsadas a dar a coñecer os establecementos da cidade, fin este para o que sempre contarán coa colaboración do Concello».

Así mesmo, Ferreiro e Pita animaron á cidadanía de Narón e doutros concellos da zona a apostar polo comercio local e a desfrutar das diferentes propostas que se levarán a cabo o día 25 en catro prazas da cidade.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …