Narón-Xornadas de portas abertas para as Escolas Culturais Municipais

O Padroado da Cultura de Narón organizou unhas xornadas de portas abertas para aquelas persoas interesadas en coñecer o traballo que se realiza nas Escolas Culturais Municipais do Padroado.

As sesións desenvolveranse no Pazo da Cultura e tamén no Auditorio municipal e na Casa da Cultura, en función da Escola, en diferentes horarios e aulas das citadas instalacións.

O concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, recordou que o prazo de matrícula estará aberto ata o 25 deste mes nas oficinas do Pazo, podendo tramitalas de luns a venres entre as 9.00 e as 13.30 e de 17.00 a 19.00 horas e os sábados de 10.00 a 13.00.

Estas xornadas celebraranse atendendo a todas as medidas preventivas da covid-19 en vigor, sendo obrigatorio que as persoas acudan con máscara, utilicen o xel hidroalcohólico que haberá nas instalacións municipais e manteñan a distancia de seguridade interpersoal nos diferentes espazos.

O edil naronés indicou que a primeira das sesións terá lugar mañá, a partir das 21.00 para as modalidades de baile social e bailes caribeños.

Sánchez Fojo avanzou que a vindeira semana se poderá asistir ás xornadas de portas abertas da Escola de Pandeireta e canto tradicional, ás 18.00 para as modalidades infantil e xuvenil e ás 20.00 para adultos, neste caso no Auditorio municipal, na praza de Galicia. Tamén o luns, ás 18.00 horas haberá no Pazo unha xornada de portas abertas da escola de bailes de salón (danza coreográfica); ás 19.00 horas será a da Escola de Construción de instrumentos de percusión tradicional e ás 20.15 horas as de Acordeón e Zanfona.

O martes 21 programáronse as xornadas nas restantes escolas, podendo elixir entre as de Cultura tradicional para peques (3 e 4 anos), no Pazo ás 17.00 horas; Debuxo, na Casa da Cultura ás 18.00; Baile tradicional, no Auditorio municipal, ás 18.00 para alumnado de Infantil e Xuvenil e ás 20.00 para Adultos; Escola de Teatro (obradoiros infantís e xuvenís), no Auditorio ás 18.30 e da Escola de Formación de Actores e Actrices e Obradoiros de Adultos ás 20.00 horas (tamén no Auditorio) e da Escola de Gaita e Percusión, no Pazo ás 19.00 horas.

O concelleiro de Cultura asegurou que a través desta iniciativa «queremos dar a coñecer o traballo que se realiza nas Escolas Culturais Municipais, ofrecendo ás persoas interesadas a posibilidade de que acudan a unha primeira clase para coñecer ao profesorado e tamén os contidos de cada actividade»

Así mesmo, animou á cidadanía a acudir a estas xornadas de portas abertas «para asistir a unha primeira clase nalgunha das escolas culturais do Padroado, nas que cada ano se matriculan centos de persoas non só de Narón senón tamén doutros concellos da comarca»

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …