Narón-David Pita presentou tres accións formativas do programa «Narón, produtos da ría»

O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, presentou este mércores, día 15 de setembro, no Concello de Narón as tres accións formativas que se desenvolverán na cidade con cargo á última fase do proxecto «Narón, produtos da ría» impulsado en colaboración co GALP Golfo Ártabro Norte e a Consellería do Mar.

O edil avanzou que todos os cursos serán de balde, precisando inscrición previa, e que dous deles impartiranse a través da plataforma Zoom e o outro de xeito presencial.

«Redes sociais para a venda de produtos e servizos. Atención ó cliente» é a primeira das accións formativas, que terá lugar o 24 deste mes (de 19.00 a 21.00 horas a través de Zoom) e para o que se poderán inscribir as persoas interesadas ata o vindeiro día 22.

Os asistentes coñecerán as vantaxes que poden xerar as redes sociais nunha empresa a través de ferramentas e técnicas de vendas dispoñibles neste medio, o que lles posibilitará non só construír unha boa imaxe de marca senón tamén boas e periódicas vendas.

Outro dos cursos que se impartirá online será o de «Vende produtos e servizos a través de WhatsApp» que se impartirá o vindeiro 28 de setembro (de 19.00 a 21.00 horas) e para o que se poderán anotar as persoas interesadas ata o día 24. Entre os contidos que se abordarán na convocatoria farase especial fincapé en como sacarlle o máximo partido a WhatsApp e amosaranse as funcionalidades de WhatsApp Business para os comercios e empresas. A maiores, tamén se fará unha revisión sobre Canva, a ferramenta estrela para realizar todo tipo de deseños e vídeos.

A terceira das accións formativas enmarcadas no programa «Narón, produtos da ría» é o «Taller de tratamento do peixe» programado para o 6 de outubro (de 18.00 a 20.00 horas no Centro de Formación Irmás Froilaz, na Gándara)

Ó ser un curso presencial ofértanse un total de 15 prazas (que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición), podendo inscribirse ata o vindeiro 1 de outubro. As persoas que acudan coñecerán os diferentes peixes que se comercializan nas confrarías e mercados locais, as súas propiedades, limpeza e preparación, elaboración de receitas, etc.

Para inscribise nestas accións formativas ou recibir máis información pódese chamar ao teléfono 637 233 197 ou escribir ao correo electrónico:

narongastronomico@naron.es.

«Esperamos que os cursos teñan moi boa acollida porque consideramos que hai que recalcar a importancia de consumir produto local, da ría, de proximidade, que é de gran calidade e xera emprego na nosa comarca» subliñou Pita.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …