A empresa Cosma destinará unha partida de 204.598 euros á instalación do sistema de telelectura de contadores en tres subsectores da rede de abastecemento do Concello de Narón.
Así se indicou na sesión do Consello de Administración da empresa, presidido pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e no que se avanzou que os traballos de renovación darán comezo o vindeiro 1 de outubro nos subsectores Concepción Arenal, Vivendas da Mariña e Roncesvalles (esquerda). Ferreiro, anunciou que «esta actuación, coa que se cambiarán uns dous mil contadores, non suporá custe algún para os titulares das vivendas nos que se vaia realizar o cambio e tampouco se modificará o réxime de alugueiro ou de propiedade do contador que teñen actualmente instalado»
A rexedora local recalcou que a instalación dos novos contadores que permiten a telelectura do consumo «evitarán que o persoal de Cosma teña que acceder ás vivendas para realizar a lectura e tamén que no caso de que non se estea no domicilio haxa que enviar á empresa unha tarxeta de lectura». O sistema permite ademais outras importantes vantaxes para as clientas e clientes do servizo de abastecemento, xa que, tal e como apuntou Ferreiro «permitirá detectar fugas na instalación de xeito diario, evitando sobrecustes»
En canto ás zonas elixidas para iniciar a instalación do sistema de telelectura explicou que «son as que coinciden coas áreas nas que se localizan un maior número de contadores ubicados en interiores e de difícil acceso para os lectores de Cosma, polo que deste xeito optimizarase esa lectura do consumo»
Dende a empresa Cosma remitirase nos vindeiros días unha carta ás vivendas nas que se realizará o cambio de contador e contactarase co cliente ou clienta cunha antelación mínima de 48 horas para informalos do día e hora no que se levará a cabo a tarefa.
As persoas que desexen recibir máis información poden chamar por teléfono ás oficinas de Cosma, no teléfono 900 813 930 ou no correo electrónico: informacion@cosmanaron.es.