Narón-Curso de montaxe de estadas multidireccionais

O Concello  de Narón abrirá o vindeiro martes, día 14, ás 8.30 horas, o prazo de inscrición nun novo curso de montaxe de estadas multidireccionais.

A concelleira de Formación, Natalia Hermida, indicou que se convocarán un total de once prazas que se dirixen a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón.

Esta acción formativa, cun total de 140 horas, impartirase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, entre o 28 de setembro e o 2 de novembro, de 9.00 a 15.00 horas en aula, de luns a venres

No curso abordaranse, entre outros, contidos como: conceptos básicos de prevención de riscos, tipos de estadas existentes, actividades necesarias para asegurar a estabilidade e solidez das estadas, montaxe e desmonte de estadas multidireccionais, traballos en altura e en espazos confinados…

O pasado mes de agosto a rexedora local, Marián Ferreiro, e a edil de Formación reuníanse con Enrique Mallón, secretario da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías asociadas e representantes das empresas Neosic, Galictio e Kaefer co fin de informar á cidadanía sobre a elevada inserción laboral que están acadando os cursos de montaxe de estadas multidireccionais.

Mostra diso é o feito de que o Concello estea convocando unha segunda edición, despois de que a anterior «estea a ter unha inserción laboral de practicamente o cen por cento» tal e como apuntou Hermida. A edil naronesa recalcou que «é un curso relativamente curto en canto ao prazo da formación e cun contido moi práctico que, a maiores, conta coa vantaxe da elevada demanda das empresas do sector que se localizan na comarca»

As persoas interesadas en inscribirse neste curso poden facelo ata o 21 de setembro ás 13.00 horas no Rexistro Xeral do Concello, de 8.30 a 13.00 horas, na sede electrónica do Concello ou a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no Rexistro e na Sede Electrónica publicarase o listado provisional de persoas admitidas, suplentes e excluídas. Así mesmo, o alumnado seleccionado será informado telefonicamente da súa admisión.

Para recibir máis información sobre esta acción formativa pódese consultar a web do Concello, apartado de Servizos, Formación e Actividades Municipais, ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …