Narón-A Festa Apego levará tres espectáculos para público familiar e infantil

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, presentaron unha nova edición da Festa do Apego, que terá lugar o 18 de setembro no parque do río Freixeiro.

«Trátase dunha proposta que ten unha excelente acollida entre as nosas veciñas e veciños, que se dirixe a menores de 0 a 6 anos e as súas familias e que se concibe como unha oportunidade para participar en varias actividades, todas elas de balde» explicou Ferreiro.

A primeira das citas do programa é «Arrolos» de Mamá Cabra, con dous pases, o primeiro ás 12.00 e o segundo ás 17.00 horas. Gloria Mosquera e Diego Maceiras protagonizarán un pequeno obradoiro no que interpretarán e ensinarán ás familias algúns arrolos para adormecer, aleitar e gozar coa música nos primeiros días e meses de vida das nenas e nenos. O obxectivo é transmitir o gusto pola música ós menores dende a primeira infancia, comezando nas voces das súas familias coas que comparten estas cancións para arrolar en galego.

O mediodía e pola tarde continuará a Festa do Apego 2021 co espectáculo «Arrieira» de Xarope Tulú. Ás 13.00 e ás 18.00 horas unha narradora e un músico farán viaxar aos asistentes a través do conto tradicional, poñendo neste caso de manifesto a importancia do camiño como aprendizaxe e punto de encontro das persoas que o atravesan.

A última das propostas do programa deste ano dará comezo ás 19.00 horas. «Rockeando con Ramona Órbita» de Pakolas, é un concerto no que se poderá escoitar a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas e ten tamén unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ó pasado procurando tecnoloxía para crear un mundo mellor, máis ecolóxico e con enerxías limpas.

As representantes do goberno local animaron ás veciñas e veciños a acudir a esta nova edición da Festa do Apego para desfrutar dos espectáculos que se poderán ver durante todo o día e compartir un tempo de lecer con amizades e familias.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …