Narón-Promoción dos recursos da cidade nun stand propio en Equiocio

O Concello de Narón conta un ano máis cun stand promocional propio na trixésima edición de Equiocio, un evento que se celebra na ferrolana parroquia de Covas e que reunirá ata o domingo 8 de agosto, a recoñecidos xinetes e tamén afeccionados ó mundo da hípica.

A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, animou ás persoas que acudan a esta cita a visitar o stand de Narón «no que poderán coñecer algúns dos recursos turísticos e produtos gastronómicos propios da cidade»

A campaña «Narón para os teus ollos», o tramo do Camiño Inglés que discurre polo municipio, o vello Camiño Vello a Santo André, construcións como os muíños de Xuvia e As Aceas, o mosteiro de San Martiño de Xuvia, a Ruta dos muíños, a Pena Molexa-A Barca Lunar… forman parte dos recursos culturais, etnográficos, patrimoniais e naturais sobre os que se ofrece información no stand de Narón, tal e como destacou Hermida.

A concelleira de Turismo destacou o feito de que dende o Concello «continuamos avanzando para promocionar todos os recursos que pode ofrecer Narón, sinalizando rutas, dotándoas de audioguías, recuperando edificios dun gran valor histórico e patrimonial, como o muíño de Xuvia, e adquirindo outros, como o de As Aceas, co obxectivo tamén de rehabilitalo, sempre cun mesmo fin, que as nosas veciñas e veciños, e tamén as persoas que visitan a cidade, poidan desfrutar destas instalacións e espazos naturais e coñecer a súa historia»

Así mesmo, no apartado gastronómico, tamén se reservou un espazo para promocionar o pemento do Couto, con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) e que se distribúe dende a Cooperativa do Val.

«Dende o Concello de Narón continuamos apoiando ás produtoras e produtores desta recoñecida hortaliza e este evento é unha oportunidade máis para visibilizar a excelente calidade destes pementos e, ao mesmo tempo, poñer en valor o traballo que realiza toda a xente que fai posible que poidan chegar ao consumidor final» apuntou a edil de Turismo.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …