O alcalde accidental de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, asinou na mañá deste martes os convenios de colaboración do Concello coa Confederación de Empresarios Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer) e coa Asociación de Empresarios Ferrolterra (AEF), por un importe que en conxunto ascende a 18.000 euros.
Sánchez Fojo destacou o labor que no ámbito empresarial levan a cabo estas dúas asociacións e recalcou a importancia de continuar respaldándoas dende a administración local «para seguir apostando pola implantación de novas empresas en Narón e tamén por ofrecerlles ás que están operativas actividades e servizos de calidade»
Sánchez Fojo rubricou o convenio de Cofer con Cristóbal Dobarro, representante da citada entidade, coa que o Concello formaliza o compromiso de realizar actuacións de interese xeral encamiñadas a potenciar e desenvolver o tecido empresarial. Deste xeito, conxuntamente, levaranse a cabo iniciativas e actividades que contribúan a dinamizar a economía e a cultura empresarial e tamén se implantarán medidas para paliar os efectos da covid-19.
Entre as mesmas figuran, tal e como se recolle no acordo, accións para promover a creación de emprego e o asentamento empresarial na cidade e formar e informar a traballadores en activo e directivos de empresas para que manteñan actualizados os seus coñecementos.
Así mesmo, o alcalde accidental de Narón asinou tamén o convenio de colaboración coa Asociación de Empresarios Ferrolterra (AEF) con Ángel Torreiro como representante da entidade.
A través deste acordo realizaranse actividades e colaborarase en actuacións para impulsar e fomentar a actividade empresarial e a creación de novas empresas en Narón.
Dende AEF facilitarase ó Concello información coa que deseñar actuacións que propicien o establecemento e consolidación de actividades empresariais, tamén información actualizada dos polígonos industriais de Narón e deseñaranse políticas públicas para a promoción do desenvolvemento económico axeitadas á actividade empresarial.