A alcaldesa, Marián Ferreiro, acudiu este venres ao acto inaugural do novo centro de saúde da cidade, acompañada por varios representantes da corporación local, entre eles o edil de Sanidade, Santiago Galego. A rexedora local destacou que se trata dun día moi importante para a nosa cidade» aludindo a que as instalacións «eran unha necesidade dende hai anos e permitirán ofrecer unha mellor atención e máis servizos ás veciñas e veciños de Narón»
Ferreiro recoñeceu que a apertura do centro «demorouse no tempo máis do que todas e todos quixeramos» e recordou que o Concello «foi unha peza fundamental para que poidan ser hoxe unha realidade, xa que o luns estarán operativas as consultas no novo edificio»
A alcaldesa recalcou a importancia da colaboración entre as administracións para levar a cabo «proxectos tan necesarios e importantes como o que hoxe inauguramos» e tendeu de novo a man á administración autonómica «para seguir traballando nesta mesma liña en beneficio das veciñas e veciños de Narón»
En canto á colaboración do Concello nesta actuación a rexedora local recordou que se cedeu a parcela de titularidade municipal e de algo máis de 6.000 metros cadrados sobre a que se asenta o edificio e realizouse unha achega económica de preto de 1,5 millóns de euros en base ao convenio asinado no seu día coa Consellería de Sanidade.
A maiores, destináronse 580.000 euros á urbanización do Camiño do Lodairo, que dá acceso ó centro de saúde, e a construír unha rotonda na estrada de Castela e tamén achegará o Concello os 600.000 euros que suporá a habilitación dun novo aparcamento, con capacidade para uns 200 vehículos, fronte ao centro de saúde, tamén nunha parcela municipal. Ferreiro tivo tamén unha mención especial no acto de hoxe para os profesionais sanitarios «polo seu gran esforzo e profesionalidade nuns tempos moi complicados e nos que, unha vez máis, demostraron que están sobradamente á altura de calquera circunstancia, dando o mellor de si cada día»