Narón-Asinou convenios con Cáritas Diocesana e a Asociación Síndrome de Down “Teima”

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, asinou dixitalmente dous convenios de colaboración cos representantes de Cáritas Diocesana Mondoñedo Ferrol, María Victoria González, e da Asociación Síndrome de Down «Teima» Patricia Serantes

Estes dous acordos vencellados á área de Acción Social supoñen unha achega, en conxunto, por parte da administración local de 30.000 euros.

A rexedora local recordou que dende o Concello se traballa dende hai varios anos respaldando diferentes programas de atención a persoas afectadas de escasos recursos económicos e/ou en risco de exclusión social. Unha das entidades sociais coas que se desenvolven programas nesta liña é Cáritas, que traballa con persoas vulnerables e seguirá desenvolvendo o labor que realiza a través dos grupos de acollida nos que realiza a atención básica nas parroquias de San Xosé Obreiro, Santa Icía, Piñeiros, Santiago Apóstol, Santa Rita, O Val, Castro e con Cáritas Interparroquial de San Sadurniño, dende donde se atende ás parroquias de Doso, Pedroso e Sedes.

Entre as actividades que se desenvolven, tal e como se especifica no convenio, están o acompañamento para o desenvolvemento de familias en risco de exclusión (acollida, información e orientación, intermediación con outros recursos, coordinación técnica co Servizo Sociocomunitario do Concello… e tamén a atención básica a persoas con escasos recursos económicos, a través de axudas directas e en especie para que poidan cubrir as súas necesidades básicas.

En canto ao acordo rubricado coa Asociación Sindrome de Down «Teima» Ferreiro recordou que tamén o Concello contribúe dende hai varios anos cos programas de atención a persoas con diversidade funcional co fin de promover o desenvolvemento social do colectivo de persoas con síndrome de down no municipio.

Dende «Teima» ofrécese un servizo organizado en diferentes áreas como a atención temperá, educación, formación e emprego, vida adulta e independencia e apoio familiar, co obxectivo de mellorar a autonomía das persoas con discapacidade intelectual. «É moi importante que entidades como Cáritas ou «Teima» continúen contando co respaldo das administracións para seguir ofrecendo á sociedade servizos tan importantes e necesarios como os que veñen ofrecendo nos últimos anos» asegurou a alcaldesa.

Ferreiro subliñou que «ambas entidades realizan un traballo extraordinario co que chegan a persoas en situación de vulnerabilidade no caso de Cáritas ou con síndrome de down, no de «Teima» que axuda a que ambos colectivos teñan a tan necesaria integración plena na sociedade»

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …