Narón-O Concello asina catro convenios con entidades sociais

A alcaldesa do Concello de Narón, Marián Ferreiro, asinou catro convenios de colaboración con outras tantas entidades sociais e culturais que traballan na cidade, por un importe conxunto de 77.500 euros e outro que inclúe a cesión dun despacho con fins de realizar entrevistas de orientación laboral. “Un ano máis contaremos co importante traballo que desenvolve o persoal destas entidades na nosa cidade e tamén co apoio que prestan a actividades desenvolvidas dende o Concello, apostando por manter unhas vías de colaboración que permitan ofrecer á cidadanía uns servizos e unha atención axeitada ás súas necesidades, fomentar actividades dirixidas a persoas de todas as idades, como é o caso de AFA Ferrol, Areosa, Aspaneps e Nosa Señora de Chamorro, A maiores, indicou, “tamén hay unha cesión dun despacho para orientar laboralmente dende instalacións municipais ás persoas coas que traballa a Asociación de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal”.

Acción Familiar Ferrol (AFA Ferrol) é unha organización sen ánimo de lucro que traballa na comarca dende o ano 2000. No caso concreto de Narón desenvólvese en colaboración co Concello un completo programa dirixido ao colectivo do pobo xitano, con varias propostas encamiñadas a acadar a súa plena integración na sociedade.

En canto á Sociedade Cultural Areosa, o acordo rubricado dará continuidade á colaboración que mantén co Concello para desenvolver actividades vencelladas ao ámbito cultural e colaborar con programas que se impulsen dende o Consistorio. Entre outras propostas Areosa programa ó longo do ano actividades teatrais, un ciclo de música coral, un certame de habaneras, conmemora o Día das Letras Galegas…

A alcaldesa asinou tamén o convenio coa Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps), o que permitirá manter programas de atención socioeducativa dirixidos ao colectivo. En concreto, na cidade desenvólvese o proxecto “Atención socioeducativa-Concello de Narón 2021”, destinado a menores con necesidades de orientación e apoio no seu desenvolvemento psicosocial e educativo a través de catro áreas de intervención: comunicación e logopedia, atención educativa ó menor con necesidades específicas de aprendizaxe, grupo de apoio socioeducativo e orientación familiar.

Todas as actividades estarán coordinadas co Servizo Sociocomunitario Municipal e unidades de traballo social do Concello e levaranse a cabo no local de Aspaneps, entidade que tamén colaborará con eventos conmemorativos organizados polo Concello e vencellados á temática deste acordo.

O convenio coa asociación Nuestra Señora de Chamorro foi outro dos rubricados pola alcaldesa, co fin de manter os programas de atención a persoas con distinta diversidade para traballar con persoas afectadas de discapacidade intelectual, física e/ou sensorial e ás súas familias. A través deste convenio desenvolverase o proxecto “Fadas 2021”, de Formación e Apoio do Desenvolvemento Afectivo Sexual.

A rexedora local rubricou tamén un acordo coa Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Afaes), que impulsa actividades que promoven a saúde e o benestar de persoas con enfermidades mentais, a recuperación psicosocial e laboral, a súa integración e tamén presta apoio ás súas familias. Neste caso a colaboración non se materializará a través dunha achega económica por parte do Concello, senón que consistirá na cesión dun despacho ubicado nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, (A Gándara) durante uns días e horas determinados ó mes para realizar entrevistas de orientación laboral a persoas da Área Sanitaria de Ferrol que pertencen ó colectivo co que traballa a entidade.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …