Narón-Intensificará a vixilancia policial

O Concello de Narón intensificará a vixilancia policial para evitar que se rexistren novos casos de roubo de cableado do alumeado eléctrico en espazos públicos da cidade. O edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, indicou que nos últimos días se roubaron uns 3.000 metros de cable no sistema de alumeado ubicado no acceso á autopista, na zona de Xuvia-Megasa. Así mesmo, tamén se tentou roubar cableado na zona do parque de Freixeiro nas últimas semanas, tal e como se detectou dende a área de Servizos.

“Nos controis habituais que se realizan dende a Policía Local vixíanse especialmente este tipo de actos, que vemos que nos últimos meses están rexistrando un lixeiro repunte na cidade”, asegurou Romero. O edil naronés indicou que precisamente por ese motivo “levarase a cabo un operativo especial, intensificando os controis en determinadas zonas do termo municipal para frear estas situacións”.

Así mesmo, Romero recalcou que “estes actos danan infraestruturas municipais, perxudican á cidadanía en xeral e supoñen un gasto ás arcas locais para reparalos e proceder a restablecer o servizo canto antes”. Ó respecto, e ante a posibilidade de observar actitudes sospeitosas neste senso, dende o Concello solicítase a colaboración cidadá para avisar á Policía Local para poder erradicar este tipo de prácticas.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …