O Concello de Narón elaborou cincocentos dípticos sobre a ordenanza municipal de terrazas dirixida ao sector hostaleiro da cidade. O edil de Promoción Económica, David Pita, explicou que “debido á situación derivada da Covid-19 dende o Concello impulsamos varias medidas encamiñadas a axudar ao sector e ofrecerlles algunhas facilidades para traballar no exterior, polo que se levaron a cabo unha serie de modificacións que agora se recollen nesta guía”.
Os hostaleiros da cidade disporán nos vindeiros días deste documento, que se entregará en todos os establecementos de hostalería da cidade, e que tamén estará dispoñible no Punto de Información do Concello, na entrada principal, para aquelas persoas que desexen un exemplar.
O cálculo do aforo segundo o tipo de mobiliario e lonxitude, os módulos de mobiliario, os criterios de disposición e as opcións de deseño –toldo lateral ou de teito, pérgola, terraza aberta ou cuberta xenérica- pódense consultar nestes dípticos. A maiores, tamén se informa sobre as ordenanzas de aplicación e a documentación a presentar para solicitar a súa instalación, datos aos que tamén se pode acceder a través dun código QR que redirecciona aos apartados correspondentes da Sede Electrónica do Concello de Narón.
Pita recalcou que entre os obxectivos desta iniciativa está o de “apoiar ao sector, que consideramos que foi un dos máis perxudicados durante o confinamento e axudalo a que se poida recuperar das importantes perdas derivadas das restricións aplicadas pola situación sanitaria”.
Tamén está dispoñible no Concello unha guía de interpretación técnica e aplicación da ordenanza reguladora das terrazas dos locais de hostalería, “a modo de apoio para a comprensión e interpretación dos usuarios”, indicou Pita.
O edil naronés amosou a súa confianza en que ambos documentos “sexan útiles para todos os establecementos e en todo caso, ante calquera posible dúbida poden poñerse en contacto co departamento municipal de Urbanismo ou coa área de Promoción Económica, na web:
promocioneconomica@naron.es