O BNG pedirá que o pleno de Ferrol se manifeste en contra da subida da factura eléctrica

Iván Rivas e María do Mar López en rolda de prensa antes da pandemia | Adán Puentes

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentará unha moción no pleno municipal co obxectivo de manifestar o «rexeitamento á política enerxética do goberno central por contribuír ao incremento da factura eléctrica dunha parte importante das e dos consumidores domésticos e de sectores vulnerábeis, e singularmente dos cambios aplicados a partir do 1 de xuño de 2021«.

O BNG lembra que o pasado 9 de marzo do 2021 o Consello de Ministros aprobou a reforma da factura eléctrica que entrou en vigor o pasado 1 de xuño. Para o BNG esta norma «xera un impacto negativo nos consumidores e consumidoras, danos colaterais importantes que deberán levar á reconsideración desta norma, sobre todo tendo en conta que afecta a importantes sectores da poboación que xa están sufrindo as graves consecuencias derivadas do forte impacto económico das restricións impostas pola loita contra a covid-19″.

Este é o caso do consumo doméstico e «nomeadamente daquelas persoas consumidoras adheridas xa con anterioridade ao sistema de discriminación horaria«. En Galicia hai máis de medio millón de fogares adheridos a esta modalidade que verán como a súa factura «experimenta un aumento que pode chegar a superar o 30%«. De igual forma, outros consumidores como é o da hostalería, xa duramente golpeado pola pandemia, e o resto de PEMES, sufrirán igualmente as consecuencias, «pois as súa actividades desenvólvense necesariamente durante as horas de maior custo da enerxía. Todo isto nunha Galiza que exporta electricidade«.

O BNG considera «preciso» que o Goberno do Estado abra un novo proceso para unha regulación da tarifa eléctrica «tendo en conta unha redución dos impostos que gravan o consumo de enerxía eléctrica, singularmente a eliminación do imposto especial da electricidade e a redución do tipo aplicado no imposto de valor engadido até o 4%«.

Así mesmo desde o BNG consideran que é preciso beneficiar aos territorios de produción de enerxía eléctrica, «como é o caso galego, compensando o forte impacto ambiental e social derivado da súa produción a través dun abaratamento dos prezos e o estabelecemento dunha tarifa eléctrica galega«.

Para rematar, queren facer fincapé en que «non resulta lóxico acometer un cambio normativo deste calibre sen ter en conta outros aspectos da composición da factura cuxo peso é relevante e cuxa necesaria revisión demándase tamén dende amplos sectores da sociedade, como son o importe do imposto especial da electricidade e o tipo de IVE que debe aplicarse, sendo a electricidade un ben de primeira necesidade e non un luxo

Lea también

El martes inauguración del «Rastrillo» de la A. Nuestra Señora del Carmen

La asociación “Nuestra Señora del Carmen” de Ferrol celebrará desde el martes 26 de noviembre, …