A alcaldesa, Marián Ferreiro, e os edís de Medio Ambiente, Santiago Galego, Servizos, Ibán Santalla, e Promoción Económica, David Pita, participaron na mañá deste sábado nun dos actos organizados polo Concello para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra nesta xornada.
A convocatoria, que deu comezo ás 10.30 horas, desenvolveuse no paseo marítimo de Xuvia –nas inmediacións do parque canino-, donde se procedeu á prantación dun total de vinte e dous árbores de tres especies distintas.
Dende este sábado, e grazas á colaboración das familias que participaron, tamén unha vintena, medran no paseo de Xuvia quince freixos, cinco nogais e dous castaños. Marián Ferreiro agradeceu a participación das persoas que hoxe se sumaron a esta convocatoria e destacou que “con este tipo de iniciativas continuamos incrementando o número de especies que medran nas zonas verdes da nosa cidade, neste caso no paseo de Xuvia, donde cada ano realizamos plantacións, ao igual que noutros espazos tanto da zona urbana como rural de Narón”.
O edil de Medio Ambiente, Santiago Galego, destacou o traballo realizado este sábado para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente e agradeceu tamén a implicación das persoas que se achegaron ata Xuvia para plantar as árbores. “Dende a área de Medio Ambiente continuaremos traballando neste tipo de iniciativas e noutras que nos permitan, como di o lema deste ano, Reimaxinar, recrear e restaurar os ecosistemas, neste caso cunha acción centrada na plantación de máis árbores”.
As diferentes especies plantáronse en catro zonas diferenciadas tras recibir os participantes unha serie de indicacións para que as árbores poidan medrar nas mellores condicións. A alcaldesa animou aos participantes a que visiten asiduamente a zona “para comprobar como van medrando co paso do tempo e gardar así un bonito recordo desta data tan importante para contribuír a coidar o medio ambiente este sábado, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, pero tamén o resto dos días do ano”.