Narón-O Concello abrirá o prazo para comunicar a realización das fogueiras San Xoán e San Pedro

Os veciños e veciñas que vaian a realizar unha fogueira en Narón coincidindo coas festividades de San Xoán ou San Pedro deberán comunicalo ao Concello chamando ao número de teléfono 664 668 520 en horario de 10.00 a 13.00. As comunicacións poderán facerse a partir do vindeiro luns, día 7 e ata o día 21 de xuño –de luns a venres- en horario de 10.00 a 13.00. Así se recollerá nun bando asinado pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e que a partir deste venres se publicitará tamén na web municipal e no Facebook do Concello.

As persoas solicitantes deben facilitar o nome, apelidos, enderezo e DNI da persoa responsable da lumieira, así como a ubicación da mesma. No caso dos establecementos de hostalería terán que solicitar tamén permiso no caso de realizalas e comprometerse en todos os casos a cumprir a normativa da covid-19.

En canto ás medidas de seguridade que deberán cumprir están tamén situar a cacheira a unha distancia mínima de 25 metros das vivendas, vehículos, instalacións, tendidos eléctricos e telecomunicacións ou zonas vexetais que poidan arder. Non se permite a queima de residuos tóxicos nin perigosos –como pneumáticos, plásticos, aceites…-, as fogueiras deberán estar vixiadas ata a súa total extinción e contar con medios para poder apagalas axeitados ás súas dimensións e en caso de vento que poida dificultar
a vixilancia e extinción da mesma deberán suspenderse ou apagarse de inmediato. A maiores, deben permanecer vixiadas ata a súa total extinción, que se deberá asegurar empapando os restos con auga.

 

Desde o Concello recórdase que se poderán acender a partir das 20.00 horas, debendo extinguilas antes das 3.00 e a obrigatoriedade de garantir a limpeza de residuos ao día seguinte, así como a necesidade de alertar ao servizo de emerxencias do 112 ante calquera posible incidencia.

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …