Narón-O Pazo acolle esta finde os concertos de Martins Aneiros Band e Pablo Milanés e a comedia Quixote»

O Pazo da Cultura de Narón acolle esta fin de semana tres espectáculos.

 O venres

A cita desta semana coa programación cultural do Padroado iniciarase o venres, día 7, co concerto de Martins Aneiros Band, que dará comezo ás 20.30 horas. A cantante Paula Martins e o guitarrista galego Víctor Aneiros crearon esta formación musical, á que se uniron o batería Marcos Sánchez e o baixista Víctor Gacio. O concerto conxunto permitiralles interpretar temas clásicos do blues, soul e rock.

O sábado

Na xornada do sábado, día 8, ás 20.00 horas terá lugar o concerto do trobador cubano Pablo Milanés, coa súa xira “Días de luz” e as 300 entradas do aforo actual do Pazo esgotadas. O músico cubano presentará en Narón o seu último disco, un proxecto con moitas novidades e cun formato íntimo e moi emocional. Ao igual que no resto dos seus directos, no de Narón Milanés compaxinará os novos traballos, como “Esperando el milagro” o “Días de luz”, con outros clásicos como “Yolanda”, “Ya ves” ou “Para vivir”.

O domingo

Finalmente, o domingo será o turno do teatro, concretamente da representación da comedia “Quixote”, dirixida a público familiar e infantil que se poderá ver ás 18.00 horas. A compañía Pedras de Cartón trae a Narón esta peza, o seu segundo clásico no que aborda a novela máis importante da lingua española. O público coñecerá a un fermoso e divertido Quixote cunha estética inspirada no paiaso clásico e con achegamentos dende o clown.

As entradas aínda dispoñibles para o concerto de Martin Aneiros Band e para a obra “Quixote” poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …