O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o voceiro municipal da formación no Concello de Ferrol, Iván Rivas, reclamaron a dotación de partidas orzamentarias específicas para dotar a Ferrol de conexións ferroviarias á altura do século XXI.
“Hai décadas que o BNG vén traballando porque se atenda a necesidade de modernización das conexións ferroviarias de Ferrol co resto da Galiza: no norte co FEVE e fundamentalmente a conexión coa cidade da Coruña e o Eixo atlántico” destaca o deputado do BNG, Néstor Rego.
Así mesmo lembrou que no acordo de investidura asinado polo BNG e o PSOE “figura a modernización da rede ferroviaria interna e, explicitamente, a da liña entre A Coruña e Ferrol, o baipás de Betanzos ou a modernización da liña e o servizo de FEVE que articula todo o norte do noso País”. De facto, nos últimos Orzamentos do Estado, o BNG presentou tres emendas en relación ás conexións ferroviarias de Ferrol que servirían, nunha programación plurianual, para comezar os traballos de licitación. En concreto, unha partida de 10 millóns de euros para a modernización da vía Ferrol-A Coruña; outra de 10 millóns para o baipass de Betanzos e outros 10, para a liña de FEVE.
Estas emendas foron votadas en contra por PSOE e UP e, para a organización nacionalista, “que veñan agora a dicir que o colocan na axenda cando hai catro meses votaron en contra é de burla”. Nese sentido, o deputado nacionalista avanza que seguirán traballando e insistindo para que o Ministerio “atenda xa a modernización das conexións ferroviarias de Ferrol”.
“Esta cidade non pode seguir esperando porque todos sabemos que a existencia dunha rede de comunicacións completa e moderna é unha premisa para o desenvolvemento social e económico dunha cidade e dun País” salienta Rego. Precisamente Ferrol, «unha comarca que se atopa nun declive industrial continuado, co fechamento de empresas necesita con urxencia mellorar as súas comunicacións«.
Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG en Ferrol, Iván Rivas, subliñou as carencias da cidade en canto a infraestruturas e cualificou a xuntanza entre Ábalos e Feijóo de “indignante” ao non prever ningunha actuación para mellorar a comunicación de Ferrol coa cidade da Coruña e co conxunto de Galicia. Así mesmo, criticou o silencio cómplice do alcalde da cidade e do voceiro do Partido Popular “ante o resultado desa reunión”. “Os estudos que se lanzan desde a equipa de goberno como cortina de fume limítanse a recoller o que no BNG vimos demandando: unha conexión coa cidade da Coruña áxil e eficaz. Mais tamén fantasiosos porque propoñen 700 millóns de euros cando o Estado é incapaz de asumir un mínimo de investimento” concluíu Rivas.
A todos nos gustaría…… pero la realidad es que el tren lo usamos cuatro gatos. Y no se puede comprometer el salario de miles de mileuristas para que los cuatro que usamos el tren, ahorremos 20 minutos. El dinero público es sagrado y no se puede malgastar de esta forma.
Mejor hubiera sido revertir la concesión de la autopista A9 completa y que fuese una autovía pública más. Total, ahora las vamos a pagar todas… 🙁