A alcaldesa, Marián Ferreiro, o portavoz municipal do PSOE, David Pita, e os edís socialistas Catalina García e Santiago Galego, reuníronse na tarde deste mércores no Concello co secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, para abordar temas de actualidade municipal. Ferreiro recibiu a Caballero xunto cos edís socialistas e agradeceulle a súa visita ao Consistorio naronés, donde trala reunión se desprazou acompañado dos representantes municipais ao muíño das Aceñas, construción que o goberno local aposta por recuperar unha vez pase a ser de titularidade municipal.
Asuntos de interese para Narón
No transcurso da reunión mantida no Concello a alcaldesa plantexou varios asuntos de interese para a cidade. Entre eles destacou a necesidade de construír unha residencia para persoas maiores, un Centro Integrado de Formación Profesional coas especialidades de Comercio Internacional e Loxística para diversificar a oferta formativa, melloras en infraestruturas e tamén unha maior implicación da Xunta no Servizo de Axuda no Fogar, actualizando a aportación que manteñen conxelada dende o ano 2008.
“Nós queremos ofrecer ás nosas veciñas e veciños os servizos e as infraestruturas
que necesita unha cidade como Narón e pedimos o mesmo trato que o resto de
concellos para poder ofrecelos”, asegurou Ferreiro.
A alcaldesa destacou que o Concello sempre ofreceu colaboración para poder levar a cabo este tipo de actuacións, poñendo como exemplo o investimento de algo máis de tres millóns de euros para que o novo centro de saúde poida ser unha realidade ou o ofrecemento de terreos para construír un centro residencial para persoas maiores. Así mesmo, tamén manifestou a disposición do goberno local a asinar un convenio a dúas bandas coa Xunta para poder acometer nos centros de ensino da cidade obras de carácter moi urxente, que aínda a pesar de ser competencia exclusiva da administración autonómica –ao non tratarse de mantemento senón de obras maiores- o Concello estaría disposto a colaborar para que se materialicen canto antes.
Situación sanitaria
Na xuntanza Ferreiro e os edís socialistas tamén abordaron co secretario xeral do PSdeG a actual situación sanitaria e o importante esforzo inversor que realizaron os concellos para asumir unha serie de gastos que permitisen cubrir as necesidades de cada momento, ao igual que se continúa facendo un ano despois de declararse a pandemia da covid-19.
Pola súa banda, Gonzalo Caballero agradeceu o recibimento brindado dende o Concello naronés e ofreceu á alcaldesa a posibilidade de trasladar as peticións que considere oportunas no Parlamento galego a través dos deputados socialistas, un xesto que valoraron positivamente a alcaldesa e os edís naroneses.