Narón-Esta fin de semana últimos espectáculos do “Festival Internacional do monólogo teatral Singular”.

O Pazo da Cultura de Narón acollerá esta fin de semana os tres últimos espectáculos da sexta edición do “Festival Internacional do monólogo teatral Singular”. Dúas compañías galegas, Artesacía e Eme2 Produccións, e unha chilena, La llave maestra, traerán a Narón tres espectáculos enmarcados nesta iniciativa, na que colaboran co Padroado da Cultura a Rede Eurolatinoamericana de artes escénicas (Redelae); a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

O venres día 26 poderase ver no Pazo o monólogo “Chola a it girl”, protagonizado pola actriz Laura Villaverde. A cita coa compañía Artesacía será ás 20.30 horas e o público poderá ver unha obra baseada nas novas tecnoloxías, na que a protagonista, Chola, é contratada por un teatro para realizar un titorial en directo para amosar nuns poucos pasos como converterse nunha “it girl” do mundo rural. Unha chamada telefónica dará un xiro inesperado a esta historia para amosar a humanidade e imperfección da protagonista desta obra.

Na xornada do sábado, día 27, subirase ao escenario do Pazo a actriz Edurne  Rankin, que chega a Narón coa compañía chilena La llave maestra. A partir das 20.00 horas representarase un monólogo baseado en textos creados especificamente para rendir unha homenaxe ás nenas e nenos que viaxaron a bordo do Winnipeg, un barco que transportou cara a Chile a milleiros de españois exiliados trala Guerra Civil española.

A compañía galega Eme2 Produccións será a encargada de pechar esta sexta edición do Festival Singular, coa representación do monólogo“Semente”.
Será o domingo, día 28, ás 18.00 horas no Café Teatro do Pazo e a peza enmárcase no festival “Singulariño!”, dirixido a público familiar e infantil. A actriz de As Pontes Mercedes Castro protagonizará unha historia centrada no poder que o ser humano ten para
influenciar o mundo ao seu redor. A peza conta a historia dun home humilde e o seu esforzo por facer do lugar no que vive un lugar especial.

As entradas dispoñibles, ata completar o aforo permitido, poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo da Cultura, de luns a sábado entre as 9.30 e as 14.00 e de 17.00 a 20.30 e os domingos e festivos unha hora antes do comezo do espectáculo. Tamén poden adquirirse a través da web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …