A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, mantivo este mércores unha reunión vía telemática con Fernando González, director de maiores e persoas con discapacidade, da Consellería de Política Social. Na xuntanza estiveron tamén presentes a concelleira de Benestar Social, Catalina García, e a xefa do Servizo Sociocomunitario Municipal.
Ferreiro plantexou na reunión, solicitada dende a Alcaldía, as necesidades do Concello en materia social, entre as que se atopan a construción dun centro residencial para persoas maiores. A rexedora local, ao igual que fixo a pasada semana na xuntanza co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ofreceu á administración autonómica os terreos necesarios para a súa construción, de titularidade municipal.
Así mesmo, avanzou que tamén se traballa dende o goberno local noutra alternativa, analizar a viabilidade de que algunha empresa constrúa ese centro residencial para os maiores da cidade, que funcionase tamén como centro de día, interesándose polo número de prazas públicas que concertaría a administración autonómica no caso de que finalmente se materializase este proxecto no termo municipal. González comprometeuse a estudar ese número de prazas que se poderían concertar co centro residencial.
A maiores Ferreiro incidiu na posibilidade de concertar prazas nun centro de día da cidade, opción que tamén se indicou que se abordará co Consorcio Galego de Benestar, tal e como apuntou o director de maiores e persoas con discapacidade da Xunta.
Finalmente, a rexedora local solicitou a posibilidade de que a Xunta incremente o importe da achega ás horas destinadas ao Servizo de Axuda no Fogar. “Dende hai moitos anos a Xunta está pagando 9,70 euros por hora e o custe que asume o Concello foise incrementando co paso dos anos ata superar actualmente os 17 euros por hora, o que supón un copago a día de hoxe de case o 50%”, asegurou Ferreiro.
A alcaldesa destacou os servizos e investimentos realizados dende as arcas locais en materia social e solicitou en xeral máis colaboración da Xunta “para poder ofrecer ás nosas veciñas e veciños máis servizos de atención ao colectivo e incluso outros novos como sería o caso dese centro residencial de persoas maiores”.