Narón-A alcaldesa anuncia a exención no pago das taxas de terrazas correspondentes ao ano 2021

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, anunciou a exención das taxas do ano 2021 correspondentes ás terrazas dos establecementos de hostalería da cidade. “Consideramos que a situación non está sendo fácil para o sector e as previsións, cando menos para os primeiros meses do ano que vén tampouco son moi favorables, polo que sumamos esta medida que complementa ás outras que xa se adoptaron para non cobrar este ano a taxa durante o tempo que permaneceron sen actividade”.

Ferreiro avanzou que “dende o goberno local continuamos traballando, en coordinación con representantes do sector hostaleiro da cidade, para estudar outras posibles medidas que contribúan a paliar os graves efectos da pandemia pola Covid-19”.

Modificación do calendario do contribuinte

Así mesmo, a alcaldesa explicou que se aprobou tamén unha modificación do calendario do contribuínte para o actual exercicio. Neste caso concreto da hostalería indicou que “as taxas pola ocupación do dominio público local con mesas, cadeiras e elementos análogos non se cobrarán ata o exercicio do vindeiro ano, ao incluirse nese calendario fiscal, concretamente entre o 5 de febreiro e o 5 de maio”.

A maiores manterase en vigor a disposición establecida na ordenanza municipal de terrazas dos locais de hostalería para situacións extraordinarias derivadas de alertas sanitarias ou outras circunstancias excepcionais. Ferreiro explicou que “debido á actual situación da pandemia pola Covid-19 e estando o concello actualmente e dende hai varias semanas baixo un peche perimetral coas fortes restricións impostas pola Xunta de Galicia e co que iso implica, ampliaremos a vixencia desta disposición durante todo o ano que vén”.

A rexedora local recordou que nesa disposición, en vigor dende que se decretou o estado de alarma ao ter carácter retroactivo, recolle unha serie de medidas dirixidas ao sector hostaleiro da cidade. Entre esas medidas están cambios nas condicións técnicas para a instalación provisional de terrazas en zonas de prazas de estacionamento, para a ampliación das superficies das terrazas xa autorizadas ou novas terrazas en espazos libres privados ou públicos peonís, e outras de carácter excepcional.

Nas zonas de aparcamento as terrazas deberán situarse preferentemente na fronte da fachada do edificio e poderán rebordar a lonxitude do establecemento cos informes pertinentes, respectando o acceso a portais, escaparates, vitrinas de comercios e garaxes. No caso de instalar tarima, debe estar ao mesmo nivel que a beirarrúa e según a pendente existente e delimitarase a zona ocupada con elementos de protección opacos, excepto na parte lindante coa beirarrúa ou zona peonil, sendo necesario un
informe previo favorable da Policía Local e dos servizos técnicos municipais.

Así mesmo, avanzou, “estamos traballando para aplicar modificacións no referente ás estruturas das terrazas”. A ordenanza tamén contempla variacións para a ampliación das superficies de terrazas que contan xa con autorización ou a instalación doutras novas en espazos libres privados ou públicos peonís, que se poderá facer nos
locais nos que o emprazamento o faga posible, cumprindo as medidas de
distanciamento social e deixando pasos peonís. A instalación de televisións nas
terrazas e o establecemento de horarios de funcionamento destes espazos ata as 01.30 horas da madrugada ata o mes de setembro, incluído, e de outubro a decembro ata as 23.30 horas, excepto as noites do venres a sábado e de sábado a domingo, así como as vésperas de festivos, que poderán abrir ata as 01.00 horas forman tamén parte das medidas excepcionais xa adoptadas e en vigor.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …