En Narón- Propostas do programa “Nadal 2020” dirixidas a público familiar e infantil

O Concello de Narón programou coincidindo coa tempada de Nadal varias actividades dirixidas a público familiar e infantil que presentaron a alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Festas, Natalia Hermida. “Queremos animar ás nosas veciñas e veciños a que participen nestas propostas de Nadal, cumprindo en todo momento as medidas sanitarias pero desfrutando tamén coas nenas e nenos duns días moi especiais para todos eles”, asegurou a rexedora local.

Cidade dos agasallos

Unha das propostas, tal e como avanzou Ferreiro, será a Cidade dos Agasallos, que se instalará no Pazo da Cultura. Alí terá lugar o gran recibimento aos Reis Magos o día 5 de xaneiro pero as nenas e nenos terán a oportunidade de deixar antes as súas cartas, concretamente a partir do 21 de decembro, no Correo Real. Os horarios para depositar esas cartas son os días 21, 22, 23, 28, 29 e 30 de decembro e o 4 de xaneiro entre as 11.00 e as 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas e nas xornadas dos sábados e domingos, os días 26 e 27 de decembro e 2 e 3 de xaneiro, entre as 11.00 e as 14.00 horas. Non será preciso realizar previamente reserva pero as persoas que acudan deberán cumprir todas as indicacións sanitarias.

Na Noiteboa

O día de Noiteboa, o 24 de decembro, as nenas e nenos de Narón terán a oportunidade de ver o frenético traballo que desenvolven estes días Papá Noel e os seus elfos. A concelleira de Festas avanzou que se trata dunha proposta online que se poderá ver a través do Facebook do Concello de Narón, donde se amosará o taller loxístico dos elfos en Narón, a partir das 20.00 horas e a continuación Papá Noel enviará unha mensaxe a todas as nenas e nenos de Narón. “Unha vez que remate a mensaxe os menores poderán falar a través de mensaxería instantánea, neste caso Messenger, cos elfos de Papá Noel, tratándose de conversas privadas”, explicou Hermida.

Actuacións no Pazo

Dende o Padroado da Cultura programáronse dúas propostas para este Nadal no Pazo da Cultura. A primeira delas será o espectáculo “Astronauta sideral”, de Uxía lambona e a Banda molona, o día 27 de decembro a partir das 19.00 horas.

Asi mesmo, terá lugar os días 30 de decembro -18.00 horas- 2 de xaneiro -17.00 e 20.00 horas- e o 3 de xaneiro -12.30 e 18.00 horas- o espectáculo “Estación máxica”, de La Fiesta escénica Circus Show. No caso destas propostas, as entradas poden adquirirse xa na billeteira do Pazo da Cultura ou na web do Padroado: www.padroadodecultura.es.

Recibimento aos Reis Magos

Finalmente, o 5 de xaneiro será o gran recibimento aos Reis Magos, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas. As nenas e nenos de Narón poderán saudalos no Pazo da Cultura, se ben é preciso reservar previamente entradas –a partir do 26 de decembro e de balde- no teléfono da billeteira do Pazo da Cultura -981 102 897- ou presencialmente, ata completar a capacidade.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …