A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, participou na mañá deste mércores nunha nova reunión con responsables da Consellería de Sanidade, o xerente da Área Sanitaria de Ferrol e integrantes dos gobernos locais de Ferrol e As Pontes para valorar a actual situación sanitaria. A rexedora local interesouse novamente polo problema derivado da aglomeración de persoas no exterior do centro de saúde do Alto.
O xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio, asegurou que esta mesma problemática se rexistra noutros concellos e que se está traballando nos controis de aforos conxuntamente cos responsables dos centros de saúde. Facio indicou que se reforzou a contratación de persoal de servizos xerais para poder regular as entradas e explicou tamén sobre os aforos que se incidirá en que a xente non acuda aos centros con moita antelación, distanciar as citas presenciais e manter as consultas telefónicas. Así mesmo, traballarase en reestablecer o aforo das salas para facilitar que a xente poida esperar, mantendo todas as medidas sanitarias, no interior dos centros de saúde.
A alcaldesa agradeceu que se estea axilizando a solución a este problema, que vén de meses atrás, co fin de evitar as esperas que en ocasións se rexistran fóra das instalacións sanitarias.