O Concello vai retomar os roteiros de balde polo Ferrol do Ricardo Carvalho Calero previstos inicialmente para os meses de marzo e abril como parte do programa municipal para conmemorar este ano ao escritor ferrolán, protagonista do Día das Letras Galegas de 2020, e que tivo que ser suspendido pola crise sanitaria que xerou a covid-19. Agora, respectando todas as medidas de seguridade e protección establecidas polos protocolos, o Concello retomará nos próximos meses a celebración dos roteiros dedicados ao escritor, que percorrerán a cidade deténdose nos lugares que ocuparon os 29 anos que Carvalho Calero viviu en Ferrol ao longo de tres etapas. É unha iniciativa impulsada polo departamento de Dinamización Lingüística do Concello de Ferrol, dirixido por Cristina Prados.
Tamén para escolares
A programación impulsada polo Concello para dar a coñecer a figura do ilustre escritor inclúe tamén aos escolares, polo que se repartirán entre os ceip de Ferrol a obra ‘As Pitas Baixo A Choiva’ e unha unidade didáctica sobre o libro.
Exposición no Torrente Ballester
Tamén pode visitarse no centro cultural Torrente Ballester a exposición de balde organizada polo Concello sobre Ricardo Carvalho Calero “Imaxe de cen anos” en horario de martes a sábado, de 11 a 14h. e de 17 a 21h. Domingos e festivos, de 11 a 14h.